Estás en:Novas

A Deputación defende novos modelos de coidados que garantan o respecto á diversidade e a autonomía das persoas maiores LGTBIQ+

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou na xornada organizada pola Fundación 26 de Diciembre no Circo de Artesáns para abordar os retos e a xestión dos centros residenciais nunha sociedade cada vez máis envellecida e diversa

A Deputación defende novos modelos de coidados que garantan o respecto á diversidade e a autonomía das persoas maiores LGTBIQ+

A deputada de Política Social da Deputación, Mar García Vidal, e a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, participaron na inauguración da xornada "Retos dos novos modelos de envellecemento e residencias", organizada pola Fundación 26 de Diciembre no Circo de Artesáns da Coruña.

No acto, Mar García destacou a importancia de avanzar cara a novos modelos de envellecemento e atención residencial que respecten a identidade, a intimidade e a capacidade de decisión de cada persoa. A deputada de Política Social fixo fincapé na necesidade de que os coidados garantan o benestar sen que ninguén teña que renunciar ao seu proxecto de vida nin ocultar quen é ao entrar nun centro residencial.

O encontro, dirixido a profesionais dos ámbitos sanitario e social, serviu para analizar as transformacións urxentes que require o sector nunha sociedade crecentemente envellecida e diversa. Neste marco, Mar García Vidal puxo de manifesto a "débeda histórica coas persoas maiores LGTBIQ+, quen tras décadas de loita e discriminación teñen dereito a envellecer coa garantía plena das súas liberdades e sen medo ao rexeitamento".

Así mesmo, a deputada sinalou que a atención residencial debe "construírse desde a escoita activa, o recoñecemento dos vínculos afectivos e a loita contra a soidade non desexada". Para acadar estes obxectivos, lembrou que a Deputación da Coruña mantén o seu compromiso co reforzo dos servizos sociais municipais, a promoción de actividades de envellecemento activo e a prestación do servizo de teleasistencia.

Finalmente, a responsable de Política Social subliñou que a transformación do modelo de coidados esixe un traballo conxunto entre as distintas administracións, as entidades sociais e os colectivos de profesionais, quen "precisan de recursos, formación e condicións axeitadas para desenvolver un labor fundamental para a dignidade humana".