Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca os 46 anos de ASPANEPS ao carón das persoas con discapacidade e das súas familias

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou en Ferrol na xornada conmemorativa da entidade e salientou a necesidade de dar estabilidade aos seus programas de atención

A Deputación da Coruña destaca os 46 anos de ASPANEPS ao carón das persoas con discapacidade e das súas familias

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou hoxe na celebración do 45+1º Aniversario de ASPANEPS, desenvolta na sede de Afundación de Ferrol. O encontro serviu para repasar a traxectoria dunha entidade que leva desde 1980 acompañando a infancia e a mocidade con dificultades psicosociais, as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Mar García recoñeceu o compromiso das nais e dos pais que impulsaron a asociación para lles dar resposta ás necesidades dos seus fillos e fillas, así como o traballo do equipo profesional que foi ampliando e consolidando esa atención ao longo de máis de catro décadas. "Grazas por construír unha rede de apoio que acompaña tantas vidas", sinalou.

A deputada puxo en valor o labor de ASPANEPS na atención temperá, no acompañamento á infancia e á adolescencia e na promoción da autonomía persoal. Destacou tamén a importancia do apoio ás familias e do traballo coordinado cos recursos educativos, sanitarios e sociais da contorna para ofrecer unha atención adaptada ás necesidades de cada persoa.

Durante a súa intervención, lembrou a colaboración da Deputación da Coruña na adquisición dun vehículo para a entidade, que facilita os desprazamentos das persoas usuarias e a súa participación en actividades formativas, culturais e de inclusión. "Poder participar nunha actividade tamén forma parte da igualdade de oportunidades", afirmou.

Mar García salientou, ademais, a necesidade de dar estabilidade ás entidades sociais para que poidan planificar o seu traballo e manter os seus programas. Neste sentido, incidiu na importancia das axudas da Deputación a entidades sociais e de reforzar a coordinación entre administracións para garantir a continuidade da atención ás persoas usuarias e ás súas familias.

A xornada reuniu profesionais, familias e representantes institucionais, cun programa dedicado á historia da asociación, ao traballo en rede coa comunidade e aos retos que quedan por diante da atención á infancia e da inclusión social.