Estás en:Novas

A Deputación aposta no Coruña Innovate Summit por unha innovación que xere emprego e oportunidades en toda a provincia

Rosa Ana García destacou o potencial da intelixencia artificial para reter talento e defendeu que a transformación dixital chegue tamén ás pemes e aos concellos de menor poboación

A Deputación aposta no Coruña Innovate Summit por unha innovación que xere emprego e oportunidades en toda a provincia

A deputada de Emprego e Industria da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou hoxe no Coruña Innovate Summit 2026, organizado por Data Spartan na Cidade das TIC. O encontro reúne profesionais, empresas e especialistas para compartir experiencias sobre intelixencia artificial, robótica e ciencia de datos e as súas aplicacións nos distintos sectores produtivos.

García destacou que estas tecnoloxías representan «unha extraordinaria oportunidade para mellorar a competitividade das nosas empresas, impulsar novos sectores de actividade e, sobre todo, atraer e reter talento no noso territorio». Neste sentido, defendeu a necesidade de crear oportunidades para que as persoas formadas nas universidades e nos centros de investigación galegos poidan desenvolver o seu futuro profesional na provincia.

A deputada puxo en valor o papel da Cidade das TIC como punto de encontro entre empresas, investigación e talento, e salientou a importancia da colaboración entre administracións, universidades e tecido empresarial para converter o coñecemento en proxectos que xeren emprego.

Rosa Ana García incidiu tamén na necesidade de que a transformación dixital chegue ás pequenas e medianas empresas, ás persoas emprendedoras e aos concellos de menor poboación. «Queremos que a innovación sexa unha ferramenta ao servizo das persoas e que as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías cheguen ao conxunto do territorio», afirmou.

Nesta liña, lembrou o traballo da Deputación a través do Plan de emprego local (PEL), que desde 2016 apoia o emprendemento e a creación de emprego nos municipios da provincia. «Investir en innovación é investir en emprego, en oportunidades e no futuro da nosa provincia», concluíu.