A Deputación abre en Cerceda o ciclo «Vida saudable» co doutor González Juanatey
O cardiólogo abordou as claves para vivir máis anos con saúde e as posibilidades da intelixencia artificial para mellorar a prevención e o diagnóstico
Valentín González Formoso destacou a importancia de achegar información científica rigorosa á cidadanía, especialmente ás persoas maiores e á veciñanza dos concellos rurais
A Deputación da Coruña iniciou onte no Auditorio de Cerceda o ciclo de conferencias "Vida saudable e envellecemento activo", unha iniciativa que achegará a distintos municipios profesionais de referencia da medicina e a ciencia para ofrecer información comprensible e útil sobre o coidado da saúde. O doutor José Ramón González Juanatey abriu o programa coa charla "Como vivir máis de cen anos con saúde", centrada na prevención cardiovascular, nos hábitos saudables e nas posibilidades da intelixencia artificial para mellorar a atención sanitaria.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presentou o cardiólogo nun acto no que tamén participou o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal. Formoso destacou a traxectoria asistencial, docente e investigadora de González Juanatey e agradeceu a súa disposición a compartir coa veciñanza coñecementos que poden axudar a tomar mellores decisións sobre a saúde.
O presidente provincial incidiu na importancia de contar con voces expertas nun contexto no que circulan numerosos consellos e contidos sobre saúde, non sempre avalados pola ciencia. "É fundamental contar con profesionais de prestixio que nos axuden a comprender mellor cuestións que afectan directamente á nosa saúde e a distinguir o que ten fundamento científico do que non", afirmou.
Formoso explicou que o ciclo nace coa vontade de facilitar o acceso a ese coñecemento en todo o territorio, con especial atención ás persoas maiores e á poboación dos municipios rurais. "É igual de importante que este coñecemento non quede nas grandes cidades, senón que chegue tamén aos concellos pequenos, para que toda a cidadanía teña acceso a información rigorosa e de calidade", sinalou.
Vivir máis anos con saúde e autonomía
Durante a conferencia, González Juanatey explicou a importancia de acompañar o aumento da esperanza de vida dunha maior calidade de vida e autonomía. O catedrático de Cardioloxía da Universidade de Santiago destacou o papel da actividade física, a alimentación equilibrada, o descanso adecuado e o control dos factores de risco na prevención das enfermidades cardiovasculares.
Neste sentido, abordou a necesidade de actuar sobre a hipertensión arterial, o colesterol elevado, a diabetes, a obesidade e o tabaquismo. Tamén chamou a atención sobre as desigualdades sociais e de xénero que condicionan a saúde e sobre a importancia de reforzar a prevención ao longo de todas as etapas da vida.
O especialista explicou, ademais, a relación entre o coidado da saúde cardiovascular e a prevención do deterioro cognitivo, así como o papel da vacinación fronte a determinadas infeccións respiratorias nas estratexias de protección das persoas con risco cardiovascular.
Intelixencia artificial para anticiparse ás enfermidades
Outro dos eixos da charla foi a aplicación da intelixencia artificial á medicina. González Juanatey expuxo como estas ferramentas poden apoiar a interpretación de probas diagnósticas, analizar datos clínicos e axudar aos profesionais a detectar antes as enfermidades e tomar decisións.
Entre os exemplos presentados figuraron as investigacións sobre a análise da voz para identificar sinais de posibles descompensacións en persoas con insuficiencia cardíaca. Neste ámbito, destacou o traballo desenvolvido en Galicia e as posibilidades de conexión destas ferramentas cos sistemas de información clínica e de teleasistencia.
O cardiólogo subliñou que a incorporación da tecnoloxía debe contribuír a mellorar a calidade asistencial e a equidade, preservando a relación humana entre profesionais e pacientes. Referiuse tamén á colaboración entre Galicia e Portugal no marco do proxecto New Health como unha oportunidade para compartir coñecementos e avanzar cara a unha atención máis accesible e coordinada.
Próximos encontros en Melide e na Pobra do Caramiñal
O ciclo "Vida saudable e envellecemento activo" continuará en novembro en Melide coa conferencia "O cancro, prevención e tratamento", a cargo de Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
En decembro, a investigadora Ana Belén Crujeiras Martínez, directora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, ofrecerá na Pobra do Caramiñal a charla "Vivir sen obesidade", na que abordará as causas desta enfermidade e os avances na súa prevención e tratamento.
