Estás en:Novas

A Deputación da Coruña comproba en Noia o impulso de MercaNaVila ao comercio local

A deputada Rosa Ana García visitou varios establecementos da vila xunto ao alcalde, Francisco Pérez, para coñecer o desenvolvemento da campaña
Ordes, Noia e Cee son os municipios con maior volume de vendas dun programa que este ano suma 1.136 comercios adheridos na provincia e mobilizou 9,7 millóns en vendas
Os bonos desconto de 100 euros poden utilizarse ata o  20 de novembro ou ata o esgotamento do crédito

A Deputación da Coruña comproba en Noia o impulso de MercaNaVila ao comercio local

A deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou hoxe distintos establecementos de Noia adheridos a MercaNaVila, acompañada polo alcalde, Francisco Pérez. Durante o percorrido, comprobou o impulso da campaña ás vendas do comercio de proximidade e a súa repercusión no municipio, que se sitúa, xunto con Ordes e Cee, entre os que rexistran un maior volume de compras con estes bonos.

A visita incluíu os comercios locais O Merliño, Rasgos, Model Line e Opticalia, nos que a deputada e o alcalde conversaron cos seus responsables sobre o desenvolvemento do programa e a utilización dos descontos.

MercaNaVila conta nesta segunda edición con 1.136 establecementos adheridos en localidades de menos de 20.000 habitantes da provincia. Ata o momento, a campaña mobilizou máis de 9,7 millóns de euros en vendas e os consumidores utilizaron xa 4,3 millóns de euros en descontos, o 86 % dos 5 millóns de crédito habilitados pola Deputación.

Rosa Ana García destacou estes resultados como mostra da acollida do programa entre o comercio e a cidadanía. No caso de Noia, salientou que a vila continúa entre os municipios con maior actividade comercial vinculada á campaña, mantendo unha posición destacada nesta iniciativa provincial.

Bonos de ata 100 euros ata o 20 de novembro

MercaNaVila ofrece ás persoas maiores de idade descontos de ata 100 euros para realizar compras nos comercios adheridos. Os bonos aínda poden descargarse na páxina web www.mercanavila.gal e utilizarse ata o 20 de novembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Os descontos aplícanse directamente no momento da compra: 10 euros para importes de entre 20 e menos de 30 euros; 20 euros para compras de entre 30 e menos de 50 euros; e 30 euros para compras iguais ou superiores a 50 euros.

A Deputación da Coruña, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, presta información e asesoramento aos negocios para tramitar a súa incorporación e utilizar as ferramentas dixitais da campaña.