A Deputación da Coruña abre o prazo para usar os descontos de 100 euros de MercaNaVila nos pequenos comercios da provincia
A segunda edición de MercaNaVila arranca cunha elevada demanda e supera os 6.000 bonos descargados na primeira hora
A Deputación amplía ata o 20 de novembro o prazo de adhesión dos comercios, tras recibir máis de 1.200 solicitudes de participación
O programa conta cun orzamento de 5 millóns de euros e os bonos poderán utilizarse ata o 20 de novembro nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes
A cidadanía xa pode descargar os bonos desconto de MercaNaVila 2026, a campaña da Deputación da Coruña que permite aforrar ata 100 euros nas compras realizadas nos pequenos comercios dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Os bonos están dispoñibles na páxina web www.mercanavila.gal e poderán utilizarse ata o vindeiro 20 de novembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.
A segunda edición do programa, dotada con 5 millóns de euros, comezou hoxe cunha elevada demanda. Durante a primeira hora descargáronse máis de 6.000 bonos, unha cifra que reflicte a gran expectación xerada pola campaña e a boa acollida desta iniciativa de apoio ao comercio de proximidade.
Ante o elevado interese que tamén está a espertar entre os establecementos comerciais, a Deputación decidiu ampliar ata o 20 de novembro o prazo de adhesión dos negocios, co obxectivo de facilitar a participación do maior número posible de pequenos comercios. Así, os comercios que o desexen poderán seguir sumándose á campaña.
Ata o momento rexistráronse máis de 1.200 solicitudes de adhesión de comercios, unha cifra que supera á do ano pasado e continúa medrando día a día grazas á difusión da campaña por parte dos propios comerciantes.
A ampliación do prazo permitirá incorporar novos establecementos durante todo o desenvolvemento da campaña, especialmente pequenos negocios tradicionais que non participaron na anterior edición ou que teñen maiores dificultades para acceder a este tipo de iniciativas.
Para facilitar a súa incorporación, a Deputación, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, está a desenvolver un labor de información, asesoramento e acompañamento aos comerciantes, axudándoos a realizar os trámites de inscrición e a utilizar as ferramentas dixitais necesarias para aplicar os descontos. O obxectivo é que ningún establecemento que cumpra os requisitos quede fóra da campaña por falta de información ou por dificultades tecnolóxicas.
Como funcionan os bonos de 100 euros?
MercaNaVila permite ás persoas maiores de idade acceder a descontos acumulados de ata 100 euros nas súas compras nos establecementos adheridos.
Os descontos aplícanse directamente no momento da compra, en función do importe:
· 10 euros de desconto en compras de entre 20 e menos de 30 euros.
· 20 euros de desconto en compras de entre 30 e menos de 50 euros.
· 30 euros de desconto en compras iguais ou superiores a 50 euros.
Os bonos poden descargarse desde hoxe en www.mercanavila.gal e utilizarse ata o 20 de novembro, sempre que exista crédito dispoñible.
A campaña está dirixida especíicamente aos comercios dos municipios de menos de 20.000 habitantes, nos que o pequeno comercio desempeña un papel esencial na economía local, na creación de emprego e no mantemento da actividade nas vilas.
Plan para potenciar o comercio nas vilas medianas
Ao mesmo tempo, tal como avanzou o presidente da Deputación na presentación do programa o pasado 2 de outubro, a Deputación traballa xa na busca de acordos coas asociacións de comerciantes dos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes para impulsar programas específicos de apoio ao comercio local adaptados ás características destes municipios. A idea é estender esta política de apoio a todo o territorio, pero facéndoo da man do sector e deseñando medidas que respondan ás necesidades reais e concretas de cada tipo de concello, segundo sinalan desde o goberno provincial.
Segunda edición de MercaNaVila
A segunda edición de MercaNaVila dá continuidade á iniciativa tras o bos resultados acadados o pasado ano e atendendo así a demanda do sector, que ve en MercaNavila un estímulo para impulsar as vendas nun período no que tradicionalmente non se producen moitas vendas, xa que non coincide con outras campañas como o Black Friday ou a campaña de Nadal.
Nesta nova convocatoria, a Deputación destina 5 millóns de euros a incentivar as compras nos pequenos municipios e ampliar o número de comercios beneficiarios.
A institución provincial destaca que a elevada demanda rexistrada desde as primeiras horas e o crecente interese dos establecementos amosan a capacidade de MercaNaVila para dinamizar as economías locais e apoiar a continuidade dos negocios de proximidade, especialmente nos municipios de menor poboación.
--
