A Deputación destaca no Freixo (Outes) o traballo das mulleres do mar para protexer a ría e abrir novas oportunidades no sector pesqueiro
A deputada de Mar e Medio Rural visitou a Aula Sostible do Freixo, en Outes, onde coñeceu de primeira man os proxectos da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros-Noia
A Deputación da Coruña destina 425.000 euros a dúas convocatorias de axudas para actividades e investimentos do tecido asociativo. O prazo de solicitude vai desde hoxe ao 18 de decembro
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, reuniuse na Aula Sostible do Freixo coa Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros-Noia. No encontro, Capelán destacou o traballo das mulleres do mar para coidar os recursos da ría e o papel da asociación á hora de facilitar o acceso á formación e abrir novas oportunidades de emprego no litoral.
Durante a visita, a deputada coñeceu as iniciativas da entidade arredor da economía circular e da protección do medio mariño, así como a súa colaboración co Concello de Outes, coa Asociación MISELA e con outros colectivos sociais. Capelán salientou a importancia de contar coa experiencia das mulleres do sector á hora de impulsar novas actividades económicas vinculadas ao mar.
A deputada puxo o equipo técnico da Área de Mar e Medio Rural á disposición da asociación para asesorala no desenvolvemento dos seus proxectos. “É fundamental estar preto das asociacións, coñecer as súas necesidades e acompañalas para que poidan desenvolver os seus proxectos”, sinalou. Capelán agradeceu a acollida e expresou o seu interese en volver ao Freixo para visitar os bancos da ría.
425.000 euros para actividades e investimentos
Capelán informou tamén das dúas convocatorias de subvencións da Área de Mar e Medio Rural para 2027, dotadas en conxunto con 425.000 euros. A primeira financia actividades de asociacións de mulleres e asociacións veciñais (DP0042A/2027). A segunda apoia investimentos de entidades sen ánimo de lucro (DP0042B/2027).
As dúas axudas son compatibles entre si, sempre que se cumpran os requisitos das respectivas bases. As solicitudes poden presentarse desde hoxe ata as 14.00 horas do 18 de decembro de 2026.