O deputado de Deportes da Deputación da Coruña coñece o traballo de base do fútbol sala e do voleibol en Noia
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e o alcalde de Noia, Francisco Pérez, visitaron ao Noia Portus Apostoli e o Club Voleibol Noia. Nos encontros, os responsables dos dous clubs trasladáronlles as súas inquedanzas e explicáronlles como acompañan a rapazada desde os primeiros adestramentos ata a categoría xuvenil.
No fútbol sala, o Noia Portus Apostoli desenvolve o seu traballo de base a través da Escola Noiesa, que conta con equipos desde a categoría prebenxamín ata a xuvenil. Os nenos e nenas poden así iniciarse neste deporte e pasar dunha categoría á seguinte dentro do mesmo club, co primeiro equipo como referente próximo.
O Club Voleibol Noia leva máis de tres décadas formando deportistas na vila. As rapazas son ampla maioría nos seus equipos de base, que abranguen desde a categoría benxamín ata a xuvenil. A entidade conta tamén cun equipo sénior feminino e outro masculino, que dan continuidade á práctica do voleibol máis alá da etapa de formación.