Estás en:Novas

A Deputación da Coruña establece contactos con representantes doutros xeoparques para difundir o proxecto de Ortegal

Participa no congreso en Sobrabe, Huesca

A Deputación da Coruña establece contactos con representantes doutros xeoparques para difundir o proxecto de Ortegal

Representantes da Deputación da Coruña asisten ao congreso "Patrimonio xeolóxico, xeoparques e xeoturismo" que se está a desenvolver en Sobrabe, Huesca, co fin de establecer contactos con xestores científicos e turísticos doutros xeoparques. O obxectivo é introducir o proxecto galego no circuíto europeo en que se establecen as bases da elaboración e difusión dos novos proxectos.
Persoal técnico da área de Turismo da Deputación da Coruña asisten estes días ao congreso "Patrimonio xeolóxico, xeoparque e xeoturismo" que ten lugar en Sobrabe, Huesca, que convoca representantes dos xeoparques europeos para afondar na dimensión científica e turística dos proxectos.
O obxectivo da Deputación da Coruña é establecer contacto con representantes e especialistas en xeoparques con fin de concretar e deseñar o proxecto de Cabo Ortegal xa que a participación en foros da comunidade internacional é clave para o éxito da candidatura.
"Desde a Deputación da Coruña apostamos pola consolidación do proxecto que conta coa vontade de todos os concellos implicados e, polo tanto, estaremos en todos os foros internacionais que sexa preciso para dar a coñecer a iniciativa e dar pasos adiantes para que a nosa candidatura sexa sólida e responda ás necesidades para conseguir a declaración de xeoparque", sinalou o deputado de Turismo, Xosé Regueira.
Dúas técnicas asisten ao congreso de xeoturismo para dar os primeiros pasos na xestión e na candidatura proxecto, nun encontro científico en que participan tamén representantes da UNESCO, institución que avalía as candidaturas. No programa, ademais de presentar distintos proxectos de parques, inclúense charlas e debates arredor dos elementos fundamentais para a creación e xestión dun xeoparque, coñecementos de especial interese neste tempo de formación e consolidación do proxecto de Ortegal.
As xornadas están a servir para entrar en contacto cos principais especialistas da xeoloxía e turismo natural de cara establecer sinerxias para novas iniciativas. "Proximamente organizaremos na área do Cabo Ortegal un congreso de xeoloxía encamiñado a reforzar o proxecto de xeoparque polo cal a participación nestes encontros está a ser fundamental e son chanzos de especial importancia á hora de consolidar a nosa proposta", sinala Xosé Regueira.
Nesa mesma liña insírese a recente visita por parte dunha delegación da área de Turismo da Deputación da Coruña, presidida por Xosé Regueira, ao GeoParc da Catalunya Central como modelo de proxecto xa consolidado.
Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño participan, xunto coa Deputación da Coruña, na aposta polo Xeoparque do Cabo Ortegal.
Concellos e Deputación aprobaron xa a creación do Consello de Dirección do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal que está a traballar de cara á elaboración da imaxe corporativa e do Plan Director dun proxecto que conta cun orzamento de 500.000 euros financiados pola Deputación da Coruña.

 

Páxinas suxeridas