Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Ares invisten 230.000 € para a adquisición dunha finca situada ao carón da Ermida de Chanteiro, en Ares

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, asinaron hoxe o convenio de colaboración

O obxectivo desta actuación é lograr unha ordenación integral da contorna da Ermida e recuperar a zona, na que está prevista a construción dun centro polivalente para usos turísticos e culturais

A Deputación da Coruña  e o Concello de Ares invisten 230.000 € para a adquisición dunha finca situada ao carón da Ermida de Chanteiro, en Ares

Lograr unha adecuación integral da contorna da Ermida de Chanteiro, un polo de atracción turística de Ares e na que se celebra o Voto de Chanteiro e recuperar a zona é o obxectivo do convenio asinado esta mañá polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo.

A Deputación investirá un total de 180.428 euros, o 78,4 % do orzamento total do proxecto que ascende a 230.000 euros, para a adquisición dunha finca con dúas vivendas unifamiliares apegadas no lugar de Chanteiro, no Concello de Ares.

Segundo explicou o alcalde, Chanteiro é un dos polos de atracción turística do municipio de Ares, debido á súa praia, á calidade ambiental e paisaxística e ao patrimonio histórico que alberga, coas baterías militares. Ademais, por esta parroquia discorren dúas rutas, unha que explora Montefaro e outra para ver os núcleos rurais e o val de Rego de Cal, que fai un percorrido por todas as baterías e tamén pasa pola Ermida de Chanteiro e a praia.

Coa adquisición dos terreos e das vivendas citadas anteriormente, sumado ás dúas parcelas lindeiras que xa son propiedade do Concello de Ares, preténdese lograr unha ordenación integral da contorna, recuperándoa, dotándoa de certo valor urbanístico e incrementando tamén os sistemas xerais de zonas verdes e espazos libres.

Neste punto está previsto que as vivendas adquiridas se transformen no Edificio Polivalente de Chanteiro, que se destinará para usos turísticos, de servizos e culturais, dotando así á cidadanía dun novo equipamento nunha contorna de especial interese turístico.

A Deputación da Coruña pretende así colaborar co Concello de Ares no seu plan de mellora da contorna de Chanteiro. O convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ares foi aprobado por unanimidade no pleno que se celebrou o pasado venres, 26 de abril, na institución provincial.