Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia fomentan o voluntariado social en países europeos de 300 mozos e mozas coruñesas

O ano pasado, 386 persoas entre os 18 e os 30 anos participaron na iniciativa

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, afirma que ademais de contribuír á formación profesional da mocidade, o programa "é unha experiencia que contribúe a promover unha cultura participativa e solidaria"

A Deputación destina 17.000 euros ao programa a través dun convenio que será aprobado mañá

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia fomentan o voluntariado social en países europeos de 300 mozos e mozas coruñesas

A Deputación da Coruña colabora coa Fundación Paideia para fomentar experiencias de voluntariado social en países europeos para os mozos e mozas coruñeses en situación de desemprego, a través do financiamento de diversos seminarios que teñen por obxecto informar e resolver dúbidas, así como ofrecer asesoramento técnico.

O pleno da Deputación aprobará mañá venres o convenio coa Fundación Paideia, cunha achega provincial de 17.000 euros para o desenvolvemento destas accións, nas que en 2018 participaron un total de 386 mozos e mozas coruñeses entre os 18 e os 30 anos; 300 deles da cidade da Coruña, pero tamén que proveñen de concellos coma Ponteceso, Oleiros, Culleredo, Arteixo, Sada, Miño, Ferrol, Narón ou Carballo, entre outros.

O proxecto consta de dúas fases, unha previa á saída dos/as voluntarios/as, e outra á volta da experiencia. Na primeira realizaranse sesións formativas de orientación e contextualización, e na segunda sobre posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia. Os períodos de voluntariado van dos 6 aos 12 meses de duración.

A deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que este programa, que xa leva uns anos funcionado con bos resultados, "contribúe a promover unha cultura participativa e solidaria entre a mocidade e permite a centos de mozas e mozos gozar dunha experiencia de voluntariado en Europa á que tal non vez non poderían acceder sen este apoio"

"É unha experiencia moi positiva, que non só axuda á súa formación a nivel profesional, senón a afianzar valores e compromisos sociais entre a nosa mocidade", apuntou a deputada.

A través deste programa, a Deputación e Paideia ofrecerán este ano seminarios formativos para 300 mozos e mozas sobre a elaboración dos documentos requiridos para participar no Servizo de Voluntariado Europeo (SVE), coma cartas de motivación e formularios.

Durante os seminarios, técnicos especializados explicarán detalladamente que é o SVE e outros programas de mobilidade, cales son os países participantes, en que tipo de proxectos se participar, que gastos están cubertos e cales son os seus requisitos burocráticos.

A formación inclúe tamén sesións lingüísticas intensivas para facilitar a aterraxe no país de destino e asesoramento en aspectos prácticos coma os seguros, a viaxe, os dereitos e deberes durante a voluntariado ou a preparación fronte aos posibles choques culturais.

Doutra banda, ofreceranse accións formativas para 20 mozos e mozas á volta do voluntariado, onde se traballarán diferentes documentos coma o currículum ou a validación de títulos, que faciliten a posta en valor no mercado laboral das competencias adquiridas durante a súa experiencia.

Estes seminarios axudarán á inserción laboral dos voluntarios e lles ofrecerán a posibilidade de encontrarse e compartir impresións sobre as súas experiencias con outros voluntarios así coma con entidades promotoras implicadas, axudando así á construción de redes entre participantes.