Estás en:Novas

Artistas e escritoras homenaxean a Begoña Caamaño nunha xornada organizada pola Deputación da Coruña

Promovida por 7HCooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento, celebrarase o vindeiro domingo 13 de outubro no parque de Santiago de Compostela que leva o nome da escritora

Artistas e escritoras homenaxean a Begoña Caamaño nunha xornada organizada pola Deputación da Coruña

A área de Igualdade da Deputación da Coruña organiza "Embegonhadas: Mulherenagem a Begoña Caamaño", unha xornada de homenaxe á escritora promovido por 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento, dúas das gañadoras do premio de proxectos culturais pola igualdade que convoca a institución co nome da escritora.

Artistas e escritoras participan o vindeiro día 13 de outubro nunha xornada que ten como obxecto homenaxear á escritora e feminista, Begoña Caamaño, cun encontro poético-artístico de inspiración cruzada entre poetas, ilustradoras e muralistas aberto á experimentación creativa de toda a veciñanza compostelá.

Organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, co impulso de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento, a xornada formúlase como "unha mullerenaxe ao activismo político e cultural en prol da igualdade desenvolta pola xornalista e escritora viguesa a partir do diálogo creativo entre a súa narrativa e a relectura das súas obras por parte de artistas da palabra e a ilustración".

"A área de Igualdade organiza con grande ilusión este programa que ven promovido por dous colectivos de mulleres que foron gañadoras do premio convocado pola Deputación da Coruña para recoñecer proxectos culturais pola igualdade que levan, precisamente, o nome de Begoña Caamaño. Ese compromiso das gañadoras coa figura da escritora e feminista é especialmente intersante porque transcende a propia convocatoria con novas iniciativas colectivas", destaca a deputada de Igualdade, María Muíño. Baseándose nas novelas Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), as poetas Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Marga do Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana S. Arins e Xiana Arias compoñerán e recitarán versos nunha lectura pública e aberta.

As súas composicións servirán de inspiración para que as artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele, Eva Agra, Iria Prol, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar plasmen creativamente as sensacións suscitadas nunhas casiñas de paxaro, unha ave de especial simbolismo na obra literaria de Caamaño ao ser o encargado de carrexar as cartas que se envían Penélope e Circe, mulleres tamén claves na mirada feminista do universo creativo da novelista.

Logo de seren intervidas artisticamente, as casiñas penduraranse das pólas das árbores do Parque Begoña Caamaño, situado no barrio compostelá das Fontiñas e onde se desenvolverán todas as actividades.

Programa de actividades

A xornada, que terá lugar no día previo ao que sería o 55 aniversario da feminista e activista viguesa, desenvolverase a partir das 12h da mañá cunha programación con actividades de lecer para todas as idades: ás asistentes á xornada poderá participar de balde nun obradoiro de creación literaria, impartido por Susana S. Arins e nun laboratorio de introdución á arte urbana, a cargo de 7H Cooperativa Cultural.

Haberá un espazo para a conciliación, desenvolto por Gaia Ecocrianza e, como peche da xornada, terá lugar un concerto da cantante, música e compositora Su Garrido.

Ademais, a Libraría de Mulleres Lila de Lilith e a Libraría Chan da Pólvora realizarán un fanzine sobre as experiencias vividas durante o encontro. Coa programación desta mullerenaxe, desde 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvement queren realizar un particular recoñecemento ao activismo e carreira profesional de Begoña Caamaño, quen dá nome ao Premio á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero creado pola Deputación da Coruña para recoñecer as iniciativas e persoas que promoven socialmente a igualdade desde o campo da cultura.

Cronograma de actividades

12h. Presentación da xornada

12:30h. Recital poético

14h. Xantar popular

16:30h. Creación artística

17:30h. Obradoiros

19h. Concerto de Su Garrido e peche