Estás en:Novas

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Dous escritores son os gañadores da XXXI edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en galego da Deputación da Coruña. Nesta nova convocatoria, Antón Riveiro Coello con As liñas do paraíso e Alex Alonso con Crónica denigrante repartiranse o premio mellor dotado da literatura galega.

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xavier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As Liñas do paraíso e Crónica denigrante que, unha vez abertas as plicas, resultaron ser da autoría dos escritores Antón Riveiro Coello e Alex Alonso.O premio está dotado con 25.000 €, que repartirán os dous autores, máis a publicación da obra.

O xurado destaca que as dúas obras gañadoras están apegadas á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, o xurado considera que se trata dun texto "no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúen as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflectindo moi ben a súa dramática situación". O fallo fai constar tamén que a obra "conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atinxe a todos"

Por outra parte, Crónica denigrante trata, segundo o xurado, dun "texto no que existe un gran esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza".

Antón Ribeiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é autor de obras como A quinta de Saler (Galaxia, 1999), coa que xa foi finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester: Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio Manuel García Barros de Novela; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa; Laura no deserto (Galaxia, 2001), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Os elefantes de Sokurov (Galaxia 2015), Premio Fervenzas Literarias, A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento e Premio Fervenzas Literarias.

Alex Alonso (Vigo, 1968) reside en Pontevedra e é autor da obra Tempos de bebidas isotónicas e fast-fook coa que gañou o "Premio de narrativa curta Ánxel Fole 2015" do Concello de Lugo. Con anterioridade gañou o VI Concurso de relatos de muller Matilde Bares 2010 do Concello de Bueu coa obra Xénero imperfecto e recibiu a mención especial do xurado do XII Certame Manuel Murguía de narracións breves con Estremonías.