Estás en:Novas

A banda Mileth gaña o XI Premio Narf de grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña

A banda Mileth é a gañadora do XI Premio Narf da Deputación da Coruña do que esta noite se celebrou a gala final na sala A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O segundo premio foi para Costa Escura e o terceiro para Adhara&Ritman. Rabuda e Rebezo foron os outros dous grupos que chegaron ao final do certame.

A banda Mileth gaña o XI Premio Narf de grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña

Nun espazo especialmente relacionado con Fran Pérez, Narf, o músico que dá nome ao premio, celebrouse na noite do venres ao sábado, a final da décimo primeira edición do concurso para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña que gañou a banda Mileth nacida na Mariña luguesa, despois dunha actuación ao vivo dos cinco grupos.

O xurado composto polos músicos Xurxo Souto, Marcos Payno e Su Garrido Pombo -gañadora da edición anterior- coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, destacou de Mileth a súa forte aposta escénica ademais da "instrumentalización, a singular fusión entre tradición e metal e a súa innovación no panorama musical actual".

O grupo Milth naceu na Mariña luguesa no ano 2009 e practica o que definen como Metal Pagán Galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e música tradicional galega. No 2019 presentan esta particular fusión no seu primeiro disco "Catro pregarias no albor da Lúa Morta" que definen como un paso firme na teima "de buscar unha fusión orgánica á par que persoal destes dous mundos" para o que contaron con colaboración de músicos de prestixio no panorama folk como SondeSeu, Quempallou ou Rodrigo Romaní.

Dan lugar así a pasaxes onde pandeireteiras, violíns, arpas ou leghóns alternan con voces guturais, blast beats e guitarras distorsionadas. A banda está composta por Cristian Bolaño, Jorge Fernández, Dana Lago, Elías Lamoso, Marcos Rodríguez, Jacobo Mouriño, Xurxo Fernández, Jorge Vilar e Adrián Moa.

O segundo premio do concurso foi para a banda Costa Escura, a formación que experimenta nos terreos do krautrock mentres que a banda Adhara&Ritman fíxose co terceiro premio coa súa aposta polas raíces folk galegas en mestizaxe con outros estilos puros de raíz como o blues, reggae, swing, etc.

O grupo de Vigo, Rabuda, que ofreceu unha proposta rock intimista con elementos de psicodelia e new wave quedou en cuarto lugar mentres Rebezo, o proxecto da comarca de Compostela, fíxose co quinto premio das bandas finalistas que pasaron a primeira selección dun xurado que valorou a calidade e a variedade de propostas dos cinco grupos presentados.

O primeiro clasificado recibirá 3.000 € o segundo 2.000 € e unha xira dos dous producida pola Deputación da Coruña, o terceiro gañador terá un premio de 1.500 mentres que o cuarto e quinto será de 1.000 €.

Páxinas suxeridas