Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina preto de 7 millóns de euros para reforzar os servizos sociais dos concellos en 2020

O BOP publica hoxe as bases do programa, que permite aos concellos de menos de 20.000 habitantes contratar persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio

O Goberno provincial incrementou de 4 a 7 millóns de euros o orzamento desta liña, que en 2019 permitiu a contratación de 280 profesionais da área social

A Deputación da Coruña destina preto de 7 millóns de euros para reforzar os servizos sociais dos concellos en 2020

A Deputación da Coruña destina este ano 6.921.085 euros para reforzar os servizos sociais dos concellos da provincia mediante a contratación de persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria 2020 do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, á que poden concorrer todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, que teñen como data límite de solicitude o 2 de marzo.

O programa pretende apoiar aos pequenos e medianos concellos coruñeses no mantemento dos seus servizos sociais, contando con persoal especializado e administrativo de apoio.

"Somos conscientes do grande esforzo que supón para os pequenos concellos contar cun cadro de profesionais especialistas no eido social, por iso no pasado mandato incrementamos de 4 a 7 millóns de euros a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", afirmou o presidente Valentín González Formoso, que destacou o "compromiso" do goberno provincial co mantemento "dun servizo esencial que está moi preto da cidadanía" ao tratarse dos profesionais que "reciben e buscan solucións aos problemas das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles".

Segundo explicou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o programa permitiu en 2019 a contratación, por parte dos 83 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, de 280 profesionais da área social.

Uns profesionais que atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

"Con este programa, a Deputación quere estar preto da xente que máis o precisa e permitir á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan", afirmou da deputada.

O programa permite financiar o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). Tamén se inclúe un prezo de 12 euros/hora para financiar o persoal do servizo de axuda no fogar. O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

As contías e módulos previstos para os concellos dentro do Programa de Servizos Sociais Comunitarios Municipais 2020 pódense atopar no BOP de hoxe:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/01/21/2020_0000000353.pdf

Páxinas suxeridas