Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Santiago completan a primeira fase das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas

As tarefas levadas a cabo na cuberta e estrutura do singular edificio modernista forman parte da primeira fase que permitirá converter o inmoble nun espazo sociocultural para a veciñanza.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou as instalacións acompañado polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo

González Formoso visitou tamén Down Compostela, onde destacou o gran labor que desenvolve a entidade para mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down

A Deputación e o Concello de Santiago completan a primeira fase das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago colaboran na rehabilitación da Casa das Máquinas de Compostela, exemplo de arquitectura industrial e un dos edificios modernistas máis singulares da cidade. As tarefas levadas a cabo no inmoble contaron cun orzamento de 252.056,73 euros, dos cales 201.645,38 euros foron achegados polo ente provincial.

As accións acometidas no edificio, emprazado no Campo das Hortas e obra do prestixioso arquitecto compostelán Xesús López de Rego, permitiron limpar e recuperar os muros, co saneamento das xuntas e a pedra, así como coa recuperación do enfoscado de morteiro de cal no interior do inmoble. Tamén se tapiaron os ocos de paso do cableado de entrada e saída e aproveitáronse estes para ventilación en xeral. Do mesmo modo, substituíronse as cristaleiras de cristal opaco por un completamente transparente, que permite a entrada de luz natural no inmoble.

En canto aos traballos na cuberta, recuperouse e repúxose completamente o tellado, mantendo os formatos e a disposición previa. Estas tarefas forman parte da primeira fase para adaptar o edificio e convertelo nun centro multiusos para a veciñanza do municipio.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do municipio, Xosé Sánchez Bugallo, visitaron as instalacións, onde puideron coñecer de primeira man o estado no que está actualmente. González Formoso amosou a súa satisfacción ante os resultados desta colaboración e incidiu en que "é unha mostra do ben que se pode facer a posta en valor do patrimonio non so histórico, senón industrial". Tamén quixo destacar a sensibilidade do Concello, e da propia Deputación, no seu propósito de preservar este "espazo que é arquitectonicamente singular e que garda a esencia do que foi o proceso de reindustrialización dos séculos XIX e XX".

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tamén amosou a súa satisfacción ante a rehabilitación deste edificio que se converterá nun espazo cultural. "Unha forma de darlle unha nova vida e preservar o patrimonio histórico da cidade, que non é só románico ou barroco, senón tamén este estilo de edificios", destacou Sánchez Bugallo. Esta primeira fase das obras xa está rematada, "agora queda a ultima etapa que permitirá acondicionar o chan e o interior do edificio para o seu uso como espazo sociocultural", puntualizou o alcalde.

O edificio da Casa das Máquinas está catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, polo seu interese tipolóxico e arquitectónico.

Visita a Down Compostela

O presidente da Deputación e a deputada provincial e concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Mila Castro, visitaron tamén a sede de Down Compostela, onde, acompañados do presidente da entidade, Juan Martínez, e de membros da directiva coñeceron as distintas actividades e programas que ofrece a fundación, das que se benefician máis de 105 familias.

Martínez agradeceu a visita do presidente e destacou a longa e estreita traxectoria de colaboración da entidade coa Deputación da Coruña, que apoia economicamente varios dos seus proxectos. O presidente de Down Compostela explicou polo miúdo os programas de integración escolar que desenvolven, que requiren da coordinación con 32 colexios da área de Compostela, así como os programas de inclusión sociolaboral, autonomía persoal e emprego enfocados a persoas adultas. No eido do emprego destacou os elevados índices de satisfacción dos empregadores coas persoas con síndrome de Down formadas pola entidade para acceder a un posto de traballo. Un 80% destas persoas traballan xa con contratos indefinidos.

Pola súa banda, Valentín González Formoso, destacou o gran labor que realiza Down Compostela para mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down. "Un labor impecable tanto no ámbito educativo coma no laboral que desde a Deputación queremos seguir apoiando", afirmou o presidente provincial.

Páxinas suxeridas