Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 1,1 millóns as obras de ampliación da estrada DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes

As obras permitirán mellorar a seguridade da vía ampliando os primeiros 8,8 quilómetros da plataforma da estrada, que discorre polos núcleos de Goente e A Faeira e construíndo unha senda peonil de 281 metros

Rematadas as obras da nova senda peonil de Ribadeume, que incluíron tamén a mellora do alumeado

A Deputación adxudica por 1,1 millóns  as obras de ampliación da estrada DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes

A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de ampliación e mellora do trazado dos primeiros 8,8 quilómetros da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, nas que investirá 1.131.656,47 euros.

O goberno provincial presidido por Valentín González Formoso dá así luz verde de forma definitiva a un importante proxecto que permitirá anchear e mellorar a seguridade da vía ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira, onde a plataforma será ampliada ata os 7 metros de ancho e beiravías de medio metro, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación coma das veciñas e veciños da zona que circulan a pé.

Nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa estrada principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, executaranse unha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada, coa que se pretende garantir a circulación viandantes en condicións de seguridade axeitadas.

As obras incluirán tamén a construción dun sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

Remata a construción da senda de Ribadeume

Na mesma estrada DP 1802, entre os puntos quilométricos 15+280 e 16+230, ao seu paso polo núcleo de Ribadeume, a Deputación está investindo outros 227.697 euros para mellorar a seguridade peonil coa construción dunha senda de dous metros de ancho na marxe dereita da calzada.

Os traballos, recentemente rematados, inclúen tamén a mellora do alumeado público en todo o tramo coa instalación de novas luminarias LED, sistema de drenaxe e recollida de pluviais.

O presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que ambos proxectos suman un investimento próximo a 1,4 millóns de euros e suporán "unha importante mellora da seguridade da estrada", da que se beneficiarán tanto os veciños dos núcleos lindeiros, que disporán de zonas de circulación peonil segura, como os numerosos vehículos que circulan pola vía a diario.

Páxinas suxeridas