Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña pon en marcha a Rede Cultural 2018 cun programa específico dedicado á dinamización lingüística
Páxinas suxeridas
O programa supera nesta nova edición os dous millóns de euros

A Deputación da Coruña pon en marcha a Rede Cultural 2018 cun programa específico dedicado á dinamización lingüística

15 de Decembro de 2017

A área de Cultura da Deputación da Coruña pon en marcha unha nova edición da Rede Cultural cun orzamento que supera os dous millóns de euros. Unha das principais novidades da Rede é o programa "Lingua a escena!" que nace co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega.

Coa apertura do prazo para a inscrición de compañías, artistas e producións, a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar unha nova edición da Rede Cultural, a ferramenta para apoiar a existencia dunha oferta cultural ampla e diversa no conxunto dos concellos e comarcas da provincia. Artistas, compañías ou produtoras teñen até o 27 de decembro para inscribir as súas propostas telematicamente na web que a Deputación da Coruña pon a súa disposición para a xestión da Rede Cultural.

A área de Cultura da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, inviste en 2018 máis de 2.000.000 € neste programa co que apoia a actividade artística profesional e non profesional do campo das artes escénicas, a música e o audiovisual a través dun sistema de cofinanciamento das programacións culturais nos concellos.

Nesta edición, ademais dos tres programas que se viñan ofertando, inclúese un novo dentro da categoría profesional destinado a espectáculos de música, teatro, danza, narración oral ou monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos. Con "Lingua á escena!" a área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña busca, "contribuír a promocionar espectáculos e propostas que teñan a dinamización lingüística como obxectivo, a través da Rede pódese mesmo incentivar a creación destas propostas específicas interesantes para a promoción da nosa lingua, en especial, nas xeracións máis novas", segundo a responsábel da área, Goretti Sanmartín Rei.

Para alén deste novo programa, a Rede Cultural oferta de novo dúas programacións profesionais, "Escena ao Vivo" para compañías de teatro, monicreques e danza, "Visións" de cinema e contidos audiovisuais, os tres para concellos. Ademais, o circuíto de programación da Deputación da Coruña inclúe o programa "Alicerce" de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades.

Na edición deste ano 2017 da Rede Cultural desenvolvéronse 1.170 actuacións nos concellos e 505 as de entidades o que fan un total de 1677, por un total de case tres millóns de euros, sumando as achegas da Deputación, dos concellos e das entidades. Destes, uns 2.250.00 foron destinados á programación dos concellos.

Goretti Sanmartín salientou a "aposta clara pola Rede Cultural, que a nivel orzamentario se pon na altura dos anos previos á crise e que se viu reforzada nestes dous últimos anos no que ten a ver coa profesionalización, a mellora e ordenación das programacións"

O programa cultural da Deputación ponse agora en marcha coa apertura do prazo de inscrición que rematará o 27 de decembro ás 14:00 horas. A segunda fase de solicitude de espectáculos prolongarase do 7 ao 20 de febreiro de 2018. Finalmente a resolución de adxudicación realizarase antes do 22 de marzo.

A Rede Cultural está financiada pola Deputación da Coruña e conta co cofinanciamento dos concellos que achegan o 25% do orzamento en concellos de menos de 5.000 habitantes, o 40% cando son de 5.000 a 10.000 habitantes, 50% de 10 a 20.000 habitantes , o 60% para concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes e 70% para os de máis de 50.000 habitantes.