Presentación
O Servizo provincial de Asistencia Económica a Municipios xorde coa finalidade e obxectivo de cubrir o mandato competencial configurado no artigo 36.1b) da Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local, que establece como competencias propias da Deputación as de asistencia e cooperación económica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, pero sen renunciar á extensión da colaboración ao resto das entidades locais da provincia.
A Deputación da Coruña, consciente da importancia e relevancia deste necesario labor en favor dos concellos, vén de antigo comprometéndose no desenvolvemento deste labor con obxectivos de eficacia e implicación institucional tanto a nivel técnico como persoal, investindo de forma decidida, por unha banda, na adquisición e creación de ferramentas e programas técnicos e informáticos que dean adecuada resposta ás demandas dunha administración local en continua evolución e que esixe unha permanente actualización de procedementos administrativos, e por outra, na consolidación dun organigrama de recursos humanos ao dispor dos municipios que permita abarcar a maioría das áreas de cooperación xurídica, económica e técnica.
Pero conscientes dos novos retos que se nos impoñen ás administracións públicas en xeral e as locais en particular, entendemos que debe configurarse como un obxectivo estratéxico esencial e irrenunciable desta institución, o impulso continuo e innovador para dar adecuada resposta ás demandas que o actual escenario normativo e tecnolóxico esixen, promovendo e fomentando unha colaboración e coordinación necesarias.
Con esta finalidade, tentamos adaptar a estrutura administrativa do Servizo de Asistencia Económica a Municipios para intensificar os labores de colaboración cos concellos, coa vontade de adecuar a súa dimensión humana e técnica á natureza das necesidades crecentes; é neste EIDO onde se enmarca por unha banda, a normalización procedemental do sistema de solicitude de asistencia a través dos seguintes mecanismos:
a) Creación dun procedemento específico a través do programa SUBTEL, para a solicitude de informes na área de colaboración económico financeira e orzamentaria, respecto de asuntos de especial transcendencia.
Acceso: Procedemento denominado Asistencia Económica a Concellos, na Plataforma de SUBTEL da Deputación (especificado no Cartafol de "Como", da pestana "Organización")
b) Establecemento dun sistema de consultas que non requiran da formalidade dun expediente administrativo, pero respecto das que se demande a colaboración e asistencia da Deputación para a resolución de dúbidas ou como fixación de criterios interpretativos da Deputación provincial sobre diversas materias deste ámbito.
Este procedemento vén complementar e ampliar, dentro da Área económica, a colaboración que vén prestando respecto de Áreas específicas como Contabilidade, Nóminas (programa Ginpix), Área de Asistencia Técnica, Área de Asistencia Informática.
Acceso: Procedemento a través do CAU: remisión da consulta formulada con indicación "Consultas Asistencia Económica Deputación", (especificado no Cartafol de "Como", da pestana "Organización" )
Ademais, este PORTAL SAEM nace coa pretensión de configurarse como unha "xanela aberta" de información e encontro que promova a consolidación dunha canle permanente, útil e actualizado de comunicación entre a Deputación e os Concellos, para que, coa colaboración de todos, permita a configuración dunha ferramenta que coadxuve á consecución dunha áxil e eficaz xestión dos asuntos municipais, que son os asuntos de tod@s.
Neste labor, será imprescindible a colaboración dos Concellos así como a cooperación singular do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña. Ademais, este Portal nace con vocación de xeneralidade e universalidade, polo que a súa predisposición é a de estender o seu ámbito de colaboración tanto ás institucións do ámbito universitario (USC, UDC, etc) como calquera outra entidade que desexe coadxuvar no desenvolvemento e configuración desta Base de Documentación Xeral, na que se integren Sentenzas, Resolucións, Ditames, Informes, Consultas, Doutrina e calquera documentación adicional que sexa de interese.
Acceso: Procedemento: Pestana de "CONTACTO" nesta páxina web, (especificado no Cartafol de "Como", da pestana "Organización")
Bases Asistencia Económica. Procedemento Subtel SAEM-Informes.