Rede de caixas refuxio para morcegos no Pazo de Mariñán
En Galicia hai identificadas 25 especies de morcegos das que 11 están en perigo e incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, o que o converte no grupo de vertebrados con maior representación nesta listaxe.
Un dos problemas ao que se enfrontan os morcegos é a dificultade para atopar refuxio para descanso e cría. Nas covas onde se aloxan algunhas especies hai movemento de xente o que altera eses lugares que antes eran tranquilos para estes mamíferos voadores.
A isto hai que engadir a regresión dos bosques maduros, con árbores vellos en cuxos ocos se aloxan as diferentes especies de morcegos forestais.
Co obxecto de ofrecer refuxio, e lugar de cría, ás diferentes especies de morcegos que habitan a contorna das Marismas do Mandeo é polo que a Deputación da Coruña, coa colaboración de Morcegos de Galicia, ven de instalar unha rede de caixas refuxio para morcegos nos terreos do Pazo de Mariñán, situado no Concello de Bergondo, e propiedade da Deputación. Esta rede servirá, ademais, como ferramenta para o coñecemento, estudo e divulgación das distintas especies que poden vivir na zona.
Este rede consta inicialmente de 35 caixas refuxio construídas en cemento de madeira, material moi resistente ás inclemencias do tempo. Instaláronse de 6 modelos diferentes, adecuadas para as diferentes especies de morcegos que poidan habitar a contorna.
Estas caixas serán revisadas anualmente por persoal especializado coa fin de coñecer a súa ocupación e realizar a limpeza das mesmas.
Todas as especies de morcegos que viven en Galicia aliméntanse maioritariamente de insectos e son, xunto ás aves insectívoras, os principais predadores de insectos, polo que a súa presencia contribúe a manter o equilibrio dos ecosistemas.



