Estás en:Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica Medioambiente Outras actividades Exposición, golfiños á proa en catro vilas da provincia da Coruña

Exposición, golfiños á proa en catro vilas da provincia da Coruña

Galicia é especialmente rica na diversidade de cetáceos que viven, ou pasan, polas nosas costas. Nada menos que 24 especies de odontocetos (cetáceos con dentes) como toniñas, golfiños, arroaces, candorcas, cachalotes... e misticetos (cetáceos con barbas) como rorcuais comúns, baleas azuis, xibartes... Isto fai que os nosos mares se parezan aos que rodean as illas, cunha variedade moito maior de cetáceos ca as augas que bordean os continentes.

Co obxectivo de divulgar a extraordinaria riqueza de mamíferos mariños que hai nas nosas costas é polo que a Deputación da Coruña, coa colaboración da CEMMA, exhibirá a exposición, Golfiños á proa, en catro vilas da Provincia:

  • Fisterra, entre o 10 e 24 de setembro de 2025, na Lonxa de Fisterra.
  • Arteixo, entre o 3 e o 15 de outubro de 2025, no Museo Mar de Sorrizo.
  • Boiro, entre o 17 de outubro e o 4 de novembro de 2025. Local aínda sen fixar.
  • Melide, entre o 14 e o 27 de novembro de 2025, no Centro Sociocultural Mingos de Pita.


Esta exposición consta de diversos paneis informativos dos cetáceos de Galicia, cranios e outros restos de balea, toniñas, arroaces, cachalotes pequenos... cos que crianzas e adultos poderán apreciar estes marabillosos mamíferos mariños que  viven preto de nós.

Agradecementos:
Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
Confraría de Pescadores Nosa Señora das Areas de Fisterra.
Concello de Arteixo.
Concello de Boiro.
Concello de Melide.