Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega catro vehículos adaptados a entidades sociais da provincia

AMICOS de Boiro, ADACECO e ASPRONAGA da Coruña, e a Fundación de Discapacitados Psíquicos da Barcala contan con novos vehículos cedidos pola institución provincial

A Deputación da Coruña entrega catro vehículos adaptados a entidades sociais da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, entregaron esta mañá catro novos vehículos adaptados a outras tantas entidades sociais da provincia.

Os beneficiarios desta convocatoria son AMICOS de Barbanza (Boiro), a Asociación de Dano Cerebral Adquirido ADACECO da Coruña, a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca da Barcala (Negreira), e ASPRONAGA na Coruña. A estas sumarase proximamente o centro O Lar de Oleiros.

Cun investimento de 183.000 euros, un total de cinco entidades recibiron este ano entre 29.000 e 40.000 euros para a adquisición destes vehículos adaptados, "que son unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais, nos que realizan diferentes terapias e actividades", explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

A deputada Ana Lamas destacou a importancia que os vehículos teñen, especialmente no eido rural, para o transporte de usuarias e usuarios dos centros sociais da provincia e lembrou que a concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva no que participaron 17 entidades sociais da provincia, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos coma a antigüidade da entidade, a calidade na atención, o número de usuarios/ que atende e a súa procedencia, etc.