Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 8,2 millóns de euros para reforzar os servizos sociais e de axuda no fogar nos concellos en 2022

Con cargo a este programa, os concellos financian 370.000 horas de axuda no fogar, un servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos

Tamén permite a contratación de 180 profesionais do eido social nos concellos de menos de 20.000 habitantes

O programa incrementouse de 4 a 8,2 millóns de euros durante o mandato de Valentín González Formoso

A Deputación da Coruña destina 8,2 millóns de euros para reforzar os servizos sociais e de axuda no fogar nos concellos en 2022

Foto (ARQUIVO). O presidente da Deputación coas traballadoras de Axuda no Fogar de Fisterra

O compromiso da Deputación da Coruña de reforzar os programas de protección social, reflectido nos orzamentos aprobados para o ano 2022, toma agora forma coa publicación das bases do do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que alcanza os 8,2 millóns de euros.

A institución provincial acaba de publicar no BOP as bases da convocatoria deste programa, ao que poden concorrer todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no fogar.

De 4 a 8,2 millóns en catro anos

O incremento orzamentario deste programa, que pasou de 4 a 8,2 millóns de euros durante o mandato de Valentín González Formoso, permite que os concellos contraten cada ano arredor de 180 profesionais e financien 370.000 horas de servizo de axuda a domicilio, un servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca que "seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar os programas de protección social dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia e axudarlles a facer fronte aos efectos da pandemia".

"Neste ano, no que chegaron aos servizos sociais municipais máis persoas e situacións novas ás que atender como consecuencia da pandemia, demostrouse o valor da nosa aposta continuada polas políticas que benefician directamente ás persoas", afirmou o presidente.

"Somos conscientes do gran esforzo que supón para os pequenos concellos contar cunha cun cadro de profesionais especialistas no eido social, por iso seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos podan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", subliñou.

González Formoso destacou que "moitos municipios viron incrementada a carga de traballo que tiñan que asumir os seus servizos sociais debido á situación xerada pola COVID-19" e salientou o traballo "dos profesionais que axudamos a contratar xa que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes...".

Pola súa parte, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, explicou que "queremos seguir estando preto da xente que máis o necesita e permitir á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan" e fixo fincapé en que a achega da Deputación para financiar os servizos de axuda no fogar é de 12 euros/hora, moi superior aos 9 euros/hora que dispón a Xunta de Galicia para o mesmo fin.

O programa permitirá financiar o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). Tamén se inclúe un prezo de 12 euros/hora para financiar o persoal do servizo de axuda no fogar. O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

Estes profesionais atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.