Estás en:Novas

A Deputación homenaxea a Francisco Tettamancy, autor do libro que recolle a ‘A Revolución galega de 1846’

Cando veñen de cumprirse 175 anos da revolta dos Mártires de Carral, as áreas de Patrimonio e de Normalización Lingüística promoven unha serie de iniciativas encamiñadas a poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés

O luns 3 de xaneiro, o Salón de Plenos da Deputación acollerá un acto institucional no que se lle entregará un recoñecemento á bisneta de FranciscoTettamancy, Charo Varela

A Deputación homenaxea a Francisco Tettamancy, autor do libro que recolle a ‘A Revolución galega de 1846’

Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854 – 1921) foi un destacado intelectual coruñés que ademais de escritor, foi membro fundador da Real Academia Galega. Entre a súa produción literaria cabe salientar a obra dedicada ao levantamento, de carácter galeguista e progresista, do coronel Solís -contra o entón presidente Ramón María Narváez- e que rematou coa execución dos militares sublevados en Carral, e que historicamente se coñecen como os 'Mártires de Carral'. Entre esta produción poden mencionarse o poema 'Abril 1846' e os libros 'Los mártires de Carral' e 'La revolución gallega de 1846'.

Tras cumprirse 175 anos da revolta galeguista de 1846, a Deputación da Coruña programa unha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor tanto a figura como a obra do intelectual coruñés. Neste sentido, desde as áreas provinciais de Normalización Lingüística e de Patrimonio, estase a traballar nunha serie de iniciativas dirixidas tanto a público xeral como ao contexto educativo. "Neste caso, trátase de arroxar un pouco máis de luz sobre un personaxe destacado da nosa historia, que consideramos que non é tan coñecido como debería, así como o legado que nos deixou sobre o tempo que lle tocou vivir", asegura o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas.

A primeira das actividades terá lugar o luns da vindeira semana, o 3 de xaneiro de 2022, no Salón de Plenos da Deputación ás 11h. A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, encabezarán un acto institucional no que lle farán entrega dun recoñecemento á bisneta de Francisco Tettamancy, Charo Varela.

Ao longo do ano, este programa completarase coa edición dun pequeno vídeo sobre a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy Gastón e co deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846. Tamén se organizará un concurso de murais dirixido a alumnado de secundaria sobre a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy, e a publicación da súa obra 'A revolución galega de 1846' traducida ao galego. Neste sentido, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño pon o foco "na importancia de recuperar, mediante a reedición, documentos de gran valor histórico e literario e poñelos a disposición da cidadanía para dar a coñecer e profundar en períodos fundamentais da nosa historia como pobo".

Páxinas suxeridas