Estás en:Novas

A Deputación financia parte das obras para a reforma do Auditorio da Casa de Rosalía

O edificio actual conta con instalacións obsoletas para a programación que leva adiante a Casa-Museo e ten partes gravemente deterioradas e fóra de servizo, que reclamaban unha actuación urxente

A Deputación financia parte das obras para a reforma do Auditorio da Casa de Rosalía

O responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, visitou esta mañá as obras da reforma do Auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro, que está a financiar parcialmente esta institución con 60.000 euros. Os traballos iniciáronse en outubro de 2021 e o seu remate está previsto para esta primavera de 2022.

A achega da Deputación foi acordada nun convenio de colaboración coa Fundación Rosalía para realizar as adaptacións e melloras que teñen que ver co confort térmico e a salubridade, tanto do espazo do volume principal coma da planta soto, de acordo ás novas normativas, así como adaptacións da mellora do confort acústico. Asemade, a proposta inclúe a mellora das instalacións de electricidade e iluminación así como as de audiovisuais atendendo aos usos actuais e futuros, ademais dunha rampla de acceso que permita acceder a todas as persoas en condicións de igualdade. O resto do financiamento, que supón un total de 170.000 euros, está a ser achegado pola Xunta de Galicia e a propia Fundación Rosalía de Castro.

Acometer esta obra era un dos principais obxectivos da Fundación Rosalía de Castro nos últimos anos, dado o deficiente estado no que se encontraba o edificio, con instalacións obsoletas para a cantidade e calidade da programación que conta a Casa-Museo e con partes gravemente deterioradas, como é o caso dos camerinos e os aseos, que reclamaban melloras urxentes debido ás continuas inundacións producidas por atoparse a unha cota baixo rasante. A este respecto, Anxo Angueira asegurou no transcurso da visita que "esta actuación é indispensable para o desenvolvemento das numerosas e diversificadas actividades que temos na Fundación ao longo do ano, e despois de toda a renovación que se fixo no interior da Casa, agora cumpríalle ao Auditorio estar á altura do emblema que representa esta Fundación". Unha idea na que se amosou coincidente Xurxo Couto indicando que "a Deputación contribúe a estas obras porque entendemos que a Casa Museo Rosalía é un dos centros culturais de referencia do país e, neste sentido, que conte cunhas instalacións dignas e propias do século XXI é tan necesario como de xustiza, para que poida desenvolver a súa actividade ao nivel que lle corresponde".

O edificio actual, construído en 1985 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois, contaba ata o momento con escasos recursos para levar adiante o seu cometido principal: acoller actividades culturais en boas condicións. Non dispoñía nin de iluminación nin de condicións sonoras axeitadas ás necesidades, nin equipamento de son que permitise a realización de espectáculos escénicos.

A reforma do edificio ten o obxectivo de aumentar a capacidade do espazo e volume, para o que se realizará unha readecuación completa do interior da edificación do auditorio na que son imprescindibles adaptacións e melloras que teñen que ver co confort térmico da sala, illamento, calefacción e aireación de acordo ás novas demandas e normativas así como adaptacións de mellora do confort acústico en tanto se trata dun lugar cunha demanda continua para os usos musicais e de comunicación oral e audiovisual que deben igualmente adaptarse á contemporaneidade técnica.

Páxinas suxeridas