Estás en:Novas

A Deputación e COGAMI continúan coa súa aposta polo programa que permitiu a inserción laboral de 888 persoas con discapacidade na provincia

Valentín González Formoso e Ramón Sestayo reuníronse hoxe na sede da Deputación e incidiron na continua mellora dos datos que ano tras ano ten o Servizo de Intermediación Laboral

A través desta ferramenta tamén se realizaron 2.996 orientacións na provincia

A Deputación e COGAMI continúan coa súa aposta polo programa que permitiu a inserción laboral de 888 persoas con discapacidade na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, reuníronse esta mañá na sede da institución provincial para reforzar a colaboración entre ambas entidades.

González Formoso e Ramón Sestayo analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) noutro ano marcado pola pandemia como foi o 2021, un programa que conta co apoio económico da Deputación e para o que o ano pasado se destinaron 45.000 euros, facilitando a inserción laboral de 1.813 persoas con discapacidade en Galicia, 888 delas na provincia da Coruña, e promovendo 6.946 sesións de orientación en Galicia, 2.996 na provincia.

O presidente da Deputación da Coruña destacou a "continua mellora dos datos de inserción laboral que ano tras ano ten o SIL" e salientou que se trata "dunha axuda fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral". Ademais, eloxiou o traballo que levan a cabo en COGAMI a través "dun grupo multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego que permite buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas".

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, agradece o apoio prestado pola Deputación ao servizo de orientación e intermediación laboral e explica que "tendo en conta a dispersión xeográfica, en COGAMI apostamos dende sempre por achegar os nosos servizos ás zonas rurais e seguimos formando ás nosas persoas usuarias no uso e manexo das TIC, para poder minorar a fenda dixital detectada maiormente durante a pandemia". Para rematar, Sestayo engade que "é necesario incrementar apoios ao servizo de orientación e intermediación laboral, dado que as necesidades das persoas usuarias son cada vez maiores".

Páxinas suxeridas