Estás en:Novas

A Deputación financia a reparación das cubertas no edificio de Down Compostela

A institución provincial cumpre así o compromiso adquirido polo presidente da Deputación na súa visita ao centro

O proxecto permitirá solucionar as filtracións de auga que se están a producir desde a cuberta e que derivan en problemas de salubridade no interior do centro

O ente provincial achega 45.900 euros, preto do 80% do orzamento total da obra

A Deputación financia a reparación das cubertas no edificio de Down Compostela

FOTO (ARQUIVO). Visita do presidente a Down Compostela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, asinaron un convenio para o financiamento do proxecto de reparación das cubertas no edificio no que a entidade desenvolve a súa actividade, situado no barrio de Conxo en Santiago de Compostela.

A Deputación destina 45.900 euros, preto do 80% do orzamento total da actuación que alcanza os 57.473,96 euros, co obxectivo de solucionar as filtracións de auga que se están a producir desde a cuberta e que derivan en problemas de salubridade no interior do centro. Para iso, actuarase en tres zonas: a cuberta sobre o módulo de entrada, a cuberta con paneis solares e, por último, a cuberta con máquinas de climatización.

No caso da cuberta sobre o módulo de entrada revisarase o estado xeral desta e limparanse os elementos de desaugue á baixantes de pluviais. No teito que soporta os paneis solares, que presenta danos que provocan filtracións no salón de actos, será preciso desmontar todos os elementos (paneis solares, estrutura portante, chapas, forrado interior, impermeabilización...) para realizar un saneado e preparación para a posterior colocación dunha nova impermeabilización. A continuación, volverían a colocarse todos os elementos, substituíndo un panel solar que está roto. Na cuberta con máquinas de climatización repetiranse os mesmos traballos que nos paneis solares coa diferenza de que o que hai que retirar son as citadas máquinas.

Valentín González Formoso explicou que "a mellora das infraestruturas é un dos nosos ámbitos de actuación, que aínda adquire unha maior relevancia se repercute en centros como o da Fundación Down Compostela, no que levan 15 anos facendo un importante labor para a atención de persoas con síndrome de Down e que necesita acometer de xeito urxente esta obra para poder seguir prestando un servizo de calidade con todas as garantías".

A Deputación cumpre así co compromiso adquirido por Valentín González Formoso durante a súa visita ao centro compostelán a finais de 2020, na que os responsables de Down Compostela lle trasladaron a necesidade de mellorar o tellado do centro para evitar filtracións e mellorar o confort interior do inmoble, no que se desenvolven os diferentes programas e actividades que ofrece a Fundación nos ámbitos educativo e de inserción social e laboral, dos que se benefician máis dun centenar de familias.

Páxinas suxeridas