Estás en:Novas

A Deputación promove o documental sobre o 25 aniversario de CUAC FM

A directiva de CUAC FM, Chus Abeledo, o director do documental, Iago Prada, o deputado de cultura, Xurxo Couto, e o presidente da Cociña Económica, Jacinto Torres, presentaron na Deputación da Coruña a estrea do documental "Nada que Ver", que recolle 25 anos de radio comunitaria na Coruña.

A estrea terá lugar o 10 de febreiro, ás 20:30 horas, no Teatro Colón, e contará coa presentación dos humoristas e actores Lucía Veiga e Víctor Grande, ambos exlocutores de CUAC FM. A organización promete sorpresas, alfombra vermella e fotocol.

A Deputación promove o documental sobre o 25 aniversario de CUAC FM

Cumprir un cuarto de século ao servizo da comunidade non é pouca cousa, e CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, sábeo moi ben. E por iso este vindeiro 10 de febreiro a emisora conmemora 25 anos de traxectoria coa estrea de "Nada que Ver", o documental que recolle a traxectoria da emisora, dirixido por Iago Prada.

O Teatro Colón será o espazo que acollerá esta estrea, cuxas entradas están xa á venda en Ataquilla (2€ + 0,5 de gastos de distribución), e, facendo honor ao espírito comunitario da emisora, cunha fin benéfica: os cartos recadados destinaranse á Cociña Económica da Coruña. O evento presentábase esta mañá na Deputación da Coruña, nun acto no que participaron a directiva de CUAC FM, Chus Abeledo, o director do documental, Iago Prada, o deputado de cultura, Xurxo Couto, e o presidente da Cociña Económica, Jacinto Torres. Todos eles destacaron a importancia dos medios comunitarios na evolución cidadá e no crecemento da cidade.

Chus Abeledo, directiva de CUAC FM, facía fincapé no relevante de contar cunha radio comunitaria cun cuarto de século ás súas costas, con emisións ininterrompidas dende hai 25 anos, o presidente da Cociña Económica, Jacinto Torres, destacaba o labor benéfico do evento, cuxa recadación servirá para axudar á entidade a manter o seu importante traballo e prol dos máis desfavorecidos. Pola súa parte Xurxo Couto, deputado provincial de cultura, quixo reiterar o seu apoio a un proxecto que supón unha importante riqueza para a cidadanía coruñesa, e que forma parte da vida social e cultural da Coruña dende hai máis de 25 anos. Iago Prada, director do documental, quixo destacar a importancia de contar co Teatro Colón como espazo para a estrea dun traballo que verá a luz por primeira vez este vindeiro xoves.

"Nada que ver" Un documental sobre CUAC FM
CUAC FM 103.4, a Radio Comunitaria da Coruña, cumpriu xa os 25 anos de vida. Recoller unha historia de tantos anos en menos dunha hora que dura o documental "Nada que ver" é a tarefa á que se enfrontou Iago Prada, o director desta peza audiovisual.
A cinta intenta amosar o que supón para moitas persoas e colectivos a oportunidade de comunicar a través dos seus programas de radio múltiples temáticas nun Medio comunitario. Son xa 480 os programas que pasaron pola emisora, aos que se engaden as múltiples actividades que realiza a asociación fóra do Estudio José Couso.

A peza audiovisual está concibida coma unha homenaxe, non só ás persoas que fixeron radio na emisora durante estas dúas décadas e media, senón tamén ao resto das radios e televisións libres e comunitarias. Uns medios que levan garantindo o dereito a comunicar da cidadanía durante máis de 40 anos sen contar coa protección e impulso que teñen na inmensa maioría dos países da contorna. Así, os medios de comunicación comunitarios están a defender novamente o seu futuro, a través da tramitación parlamentaria da nova Ley General de Comunicación Audiovisual.