A Deputación achega 1,56 millóns á Sinfónica de Galicia para levar a súa música por toda a provincia
O convenio financia preto do 68% dun programa de actividades que supera os 2,29 millóns de euros
A programación inclúe concertos en varios municipios da provincia ademais de actividades educativas nas que participan máis de 20.000 escolares
A Deputación da Coruña e o Consorcio para a Promoción da Música asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar o programa de actividades que desenvolve a Orquestra Sinfónica de Galicia durante 2026. A institución provincial achega 1.560.000 euros, preto do 68% do orzamento total do programa, que ascende a 2.297.850 euros.
O acordo foi subscrito esta mañá na Deputación polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do Consorcio para a Promoción da Música, Inés Rey.
A colaboración permitirá financiar a programación da Orquestra Sinfónica de Galicia durante 2026, así como a actividade das súas agrupacións infantís e xuvenís, dos diferentes coros, do programa didáctico e das iniciativas destinadas a promover a música e os compositores galegos.
Un dos principais obxectivos do convenio é ampliar a presenza da Orquestra Sinfónica de Galicia no conxunto da provincia e achegar a música sinfónica a públicos que non poden asistir habitualmente aos concertos que a formación ofrece na cidade da Coruña.
A programación inclúe ata catro concertos en Ferrol, unha actuación en Santiago de Compostela, e un concerto no Mosteiro de Sobrado dos Monxes. O programa contempla tamén a incorporación doutras actuacións en diferentes localidades, en función da dispoñibilidade de auditorios e espazos culturais.
Valentín González Formoso destacou que "a Sinfónica de Galicia é unha das grandes institucións culturais do noso país e un motivo de orgullo para A Coruña e para toda a provincia. O compromiso da Deputación é contribuír á estabilidade e á excelencia da orquestra, pero tamén facer que a súa música chegue a cada vez máis persoas. Queremos que a Sinfónica sexa realmente a orquestra de toda a provincia, que actúe nos nosos concellos e que achegue a cultura de primeiro nivel a públicos de todas as idades", afirmou o presidente provincial.
Formoso sinalou tamén que o convenio "permite ademáis apoiar un proxecto cultural, educativo e social que forma músicos, crea novos públicos e esperta o interese pola música entre miles de nenos e nenas".
Pola súa banda, Inés Rey destacou a importancia da colaboración institucional para garantir a estabilidade da programación da Sinfónica de Galicia e reforzar a súa proxección nacional e internacional.
"A OSG é unha formación de referencia dentro e fóra de Galicia. A xira por Reino Unido deste ano consolidou este perfil global que está a pasear o nome da Coruña polas máis altas esferas da escena clásica", valorou a alcaldesa, Inés Rey, que lembrou tamén a próxima xira por Colombia, que "marcará un antes e un despois na historia da orquestra, que colaborará con institucións da música como o Coro Nacional do Perú e o Coro Nacional de Colombia".
Un programa cultural de 2,29 millóns de euros
A maior parte do orzamento, un total de 1.882.250 euros, destínase á programación da Orquestra Sinfónica de Galicia. Esta inclúe os concertos das tempadas de abono dos venres e dos sábados no Palacio da Ópera, así como diferentes actuacións extraordinarias.
Entre elas figuran a final do Concurso Gaos, o concerto tributo a John Williams, o Festival Músika-Música, o concerto Eclipse total e as actuacións programadas durante o verán nas festas de María Pita, ademais doutras citas previstas nos meses de setembro e outubro.
Orquestras infantís e xuvenís
O convenio reserva 175.900 euros para as actividades da Orquestra Nova e das orquestras infantís da OSG. A Orquestra Nova é a única formación destas características na provincia e, ao longo dos seus 32 anos de historia, contribuíu á formación de máis dun milleiro de músicos.
Moitas das persoas que pasaron por esta agrupación ocupan actualmente prazas estables en importantes orquestras españolas e europeas, o que converte este programa nunha das principais canteiras de talento musical de Galicia.
Durante 2026, a Orquestra Nova desenvolverá varios encontros formativos e concertos, mentres que as orquestras infantís Arcos e Pizzicato realizan tamén actuacións fóra da cidade da Coruña. Entre elas figura o concerto celebrado o pasado mes de marzo en Ortigueira.
O apoio provincial abrangue igualmente a actividade do Coro da OSG, o Coro Novo e o Coro Infantil.
Achegar a música da OSG a 20.000 escolares
O programa didáctico inclúe arredor de medio cento de actividades ao longo do ano. A oferta comprende sesións escolares, concertos en familia, ensaios xerais abertos ao alumnado de secundaria e programas destinados ás diferentes etapas educativas, desde infantil ata bacharelato.
Entre as propostas desenvolvidas durante 2026 figuran A Viaxe de Walt, As Cores das Cordas e Lúa, ademais de diferentes ensaios abertos da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Cada ano participan nestas actividades máis de 20.000 escolares de toda a provincia. A programación desenvólvese principalmente no Palacio da Ópera, pero tamén chega a outros espazos, como o Teatro Colón, o teatro do Instituto Rosalía Mera e o Coliseum da Coruña.
Estas iniciativas permiten que miles de nenos, nenas e mozos teñan un primeiro contacto coa música sinfónica, coñezan de preto o funcionamento dunha orquestra e se acheguen aos instrumentos, aos compositores e ás principais obras do repertorio musical.
Impulso á música e ao talento galegos
O convenio dedica outros 60.000 euros á promoción da música galega. Esta liña inclúe a incorporación de obras de compositores galegos á programación da OSG, a súa difusión en xiras nacionais e internacionais e o impulso de novos talentos a través de iniciativas como o Premio Gaos.
O programa contempla tamén a figura do compositor residente, a creación dunha colección discográfica dedicada ao patrimonio musical galego e a organización de concertos sinfónicos con artistas de Galicia en grandes espazos.
Proxección nacional e internacional
A Orquestra Sinfónica de Galicia, creada en 1992, conta con máis de oitenta instrumentistas no seu persoal estable. Pola súa banda, o Coro da OSG está integrado por máis de oitenta voces e acumula tres décadas de traxectoria.
A formación está considerada unha das principais orquestras españolas e publicou gravacións con algunhas das compañías discográficas máis relevantes do mundo, como Deutsche Grammophon, Sony, Decca ou EMI.
A OSG conta tamén cunha importante proxección dixital. A súa canle de YouTube supera os 200.000 subscritores de todo o mundo e, durante 2025, as súas gravacións acadaron 6,9 millóns de visualizacións e máis de 1,2 millóns de horas de reprodución.
En setembro de 2026, a Sinfónica de Galicia celebrará tamén a primeira edición do Festival Internacional de Compositores de Música para Cine, cunha programación dedicada a destacados autores de bandas sonoras internacionais e ao compositor galego José Manuel Cancela.
