Estás en:Novas

A Deputación abre o prazo de solicitudes das bolsas de deportistas

Convócanse 45 bolsas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

O prazo de solicitudes abre mañá mércores e remata o 18 de marzo ás 14.00 horas

A Deputación abre o prazo de solicitudes das bolsas de deportistas

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, publica hoxe no BOP a convocatoria de 45 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional. O prazo de solicitudes abre mañá mércores e remata o 18 de marzo ás 14.00 horas.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, informou de que neste 2022 a Deputación destina un orzamento de 157.500 euros a esta liña de subvencións, que pretende "recoñecer o esforzo das nosas e os nosos deportistas e axudarlles a que poidan ter a mellor preparación para que sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés nas diferentes disciplinas deportivas".

Entre os bolseiros da Deputación en 2021 destacan referentes do deporte coruñés como a atleta ribeirense Ana Peleteiro (medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio), o piragüista betanceiro Carlos Arévalo (medalla de prata), Caetano Horta (remo), Alberto Gaitero (judo), Daniel Castro (tiro con arco) ou Belén Toimil (lanzamento de peso).

Dirixidas a deportes que pertenzan a unha das disciplinas olímpicas

As persoas solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas incluídas no programa oficial dos próximos Xogos Olímpicos de París que teña carácter individual. Ademais, as e os candidatos terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2021, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en campionato oficial ou recoñecido pola federación deportiva correspondente. Tamén se valorará o grao de interese do proxecto presentado, a proxección de futuro do deportista e a súa progresión ao longo dos últimos anos.

Poderán solicitar as bolsas atletas de 12 a 30 anos

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos

Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos

Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.

Acceso á convocatoria publicada no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/02/15/2022_0000000727.html

Páxinas suxeridas