Estás en:Novas

O prazo de presentación de solicitudes ao XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua remata o 29 de abril

Convocado pola área provincial de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e dotado con 15.000 euros, establece un premio de 5.000 por cada unha das súas tres categorías: á persoa e á entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e ao proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade

O prazo de presentación de solicitudes ao XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua remata o 29 de abril

O premio Rosalía de Castro de lingua, convocado pola área provincial de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, chega a súa décimo terceira edición para seguir recoñecendo iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico galego, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 29 de abril.

O certame está dotado con 15.000 euros e establece un premio de 5.000 euros por cada unha das súas tres categorías: á persoa e á entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e ao proxecto concreto (ferramentas, publicacións/coleccións, portais, web, etc.) de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

"Para nós", sinalou a responsable provincial de Normalización Lingüística, María Muíño, "este certame é particularmente querido porque premia a persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para que a nosa lingua avance en todos os ámbitos, tamén atendendo as persoas máis novas, que son o futuro do galego".

Xaquín Marín, na categoría A; a Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, na Categoría B; e, Twitter en galego, na categoría C, foron os gañadores en 2021. Tamén resultaron premiados en anteriores edicións Pirilampo, Galipedia, Proxecto Apego, Correlingua, a Mesa pola Normalización Lingüística e Xabier P. Docampo.

Páxinas suxeridas