Estás en:Novas

A Deputación destina case 1 millón de euros á contratación de técnicos deportivos en 74 Concellos

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, incidiu na oportunidade de creación de emprego que supón este programa "un apoio fundamental para achegar o deporte a todos os concellos da provincia"

A Deputación destina case 1 millón de euros á contratación de técnicos deportivos en 74 Concellos

A Deputación da Coruña destina preto de 1 millón de euros para a contratación de persoal técnico nos servizos de deporte dos municipios da provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión provisional destas subvencións, que benefician a un total de 74 Concellos coruñeses.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán Cancelo, incidiu que o programa provincial impulsa a creación de emprego. "En 2021, estas axudas contribuíron a contratar 70 técnicos deportivos nos concellos durante un ano. Este ano chegaremos aínda a máis concellos", subliñou Capelán. A deputada tamén explicou "que este apoio é fundamental para desenvolver iniciativas profesionais e estables que permitan achegar o deporte, e ás súas diferentes disciplinas, a todas as persoas, independentemente do municipio no que residan".

O programa de técnicos deportivos da Deputación conta cun orzamento total de 967.083 euros. A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un período de un ano, cunha achega mínima de 2.083 euros e unha máxima de 15.000 euros ao ano, este último caso para aqueles municipios que contratan a un graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa.

Os concellos puideron tamén optar por contratar técnicos superiores de FP en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.

Acceso á publicación da concesión provisional das axudas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/31/2022_0000001678.html