Estás en:Novas

A Deputación entrega un novo vehículo ao centro de menores Lar A Mercé de Oleiros

Nos últimos cinco anos, a Deputación financiou a adquisición de 23 vehículos para outras tantas entidades sociais por un importe total de preto de 800.000 euros

A Deputación entrega un novo vehículo ao centro de menores Lar A Mercé de Oleiros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o deputado voceiro do Goberno provincial, Bernardo Fernández, entregaron esta mañá un novo vehículo ao centro de menores Lar A Mercé de Oleiros.

Formoso destacou o importante labor social que desenvolve Lar A Mercé con menores en Oleiros e apuntou que este tipo de vehículos "son unha demanda importante das entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais nos que realizan diferentes terapias e actividades".

A deputada Ana Lamas sinalou tamén o importante labor que estes transportes desenvolven para o transporte de persoas usuarias dos centros sociais da provincia e subliñou que este vehículo adxudicouse xunto a outros catro que xa foron entregados ás entidades correspondentes (AMICOS de Boiro, ADACECO da Coruña, Fundación para a protección de discapacitados psíquicos de Negreira e Aspronaga da Coruña por un importe total e 183.000 euros..

A adxudicación realizouse en réxime de concorrencia competitiva no que participaron 17 entidades sociais da provincia, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos coma a antigüidade da entidade, a calidade na atención, o número de usuarios que atende e a súa procedencia, etc.

Nos últimos cinco anos, a Deputación financiou a adquisición de 23 vehículos para outras tantas entidades sociais por un importe total de preto de 800.000 euros.

O Centro de Menores "Lar a Mercé" é un centro residencial de protección de menores que funciona desde 1996. Os programas que se levan a cabo no centro son dous, un programa residencial e outro de atención de día. Conta con tres unidades de convivencia; dúas de atención residencial de 10 prazas cada unha e unha de atención de día de 8 prazas.

Páxinas suxeridas