Estás en:Novas

Cristina Capelán destaca ao Rally da Auga como “unha das grandes citas no calendario nacional e internacional”

Hoxe presentouse na Deputación da Coruña esta proba, que terá lugar o 6 e o 7 de maio e que pasará polos concellos de Arzúa, Santiago de Compostela, Boimorto, Boqueixón, O Pino e Touro

O Xacobeo Rally da Auga é candidato a formar parte do European Rally Trophy, sendo a sexta carreira da península ibérica que o conseguiría

Cristina Capelán destaca ao Rally da Auga como “unha das grandes citas no calendario nacional e internacional”

A Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña acolleu hoxe, xoves 21 de abril, a presentación do Xacobeo Rally da Auga 2022 que se celebrará o 6 e o 7 de maio e que pasará polos concellos coruñeses de Arzúa, Santiago de Compostela, Boimorto, Boqueixón, O Pino e Touro.

No acto participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán; a presidenta do comité organizador do Rally da Auga, María Zas; o director de carreira, Francisco Fernández; o pluricampión de España de Automobilismo, Perfecto Calviño; e o campión de España de terra do CERT 2021, Iván Ares.

Capelán destacou á proba como "unha das grandes citas no calendario nacional e internacional". Ademais, a deputada fixo referencia ás subvencións da Deputación da Coruña para grandes eventos deportivos, das que é beneficiaria este rally "de enorme relevancia para a nosa provincia pola súa incidencia en termos deportivos e tamén pola súa importancia no ámbito social e económico"

Pola súa parte, María Zas salientou que "a Deputación é o único organismo público que confía en nós e nos axuda" e tamén que "somos un grupo no que se une o amateurismo, a experiencia e sobre todo a ilusión. Un grupo no que tamén se conxuga perfectamente a igualdade de xénero, o cal se rexe polas capacidades, non polo sexo".

Francisco Fernández explicou que o Xacobeo Rally da Auga é candidato a formar parte do European Rally Trophy, sendo a sexta carreira da península ibérica que o conseguiría. "O noso soño europeo é posible porque o ERT Iberian Rally Trophy está composto por 5 carreiras, 3 en España e 2 en Portugal. Catro delas son en asfalto e soamente unha en terra, en Portugal. Esa é a nosa baza máis importante xa que somos o único candidato en España en terra".

Perfecto Calviño anunciou que "non poderei participar no rally por coincidencias co campionato de España" pero aínda así destacou que "é un rally tremendo, cuns tramos espectaculares, no que me dá moita pena non poder participar".

Por último, Ivan Ares comentou que "no estamos de acuerdo con que no esté porque es el mejor rally de tierra del campeonato de España" pero "desde mi equipo estamos haciendo todo lo posible por participar en este rally de casa, queremos apoyarlo para subirlo arriba de todo que es donde se merece estar".

Máis de 100 km cronometrados

O Xacobeo Rally da Auga conta con 101 km de treitos cronometrados e 250 km de tramos totais. "Isto representa un 39,84% de treitos cronometrados sobre o total do rally, unha cifra que poucos poden alcanzar hoxe en día", explicou o director de carreira.

A saída e a chegada será en Santiago de Compostela. O sábado ás 13 horas haberá un tramo de cualificación, disputado polos principais participantes do evento. O director salientaba que "o resultado dará a posibilidade de escoller a orde de partido no resto do rally, algo moi importante en terra".

"Despois haberá un treito espectáculo en Arzúa, co que pretendemos dar visibilidade e atractivo aos espectadores e aos propios participantes", adiantou Francisco Fernández, que precisou que o percorrido cronometrado será "en tres treitos diferenciados a dúas pasadas".

Páxinas suxeridas