Estás en:Novas

A Deputación colabora na I edición do Festival Vákner de Dumbría

O evento foi presentado esta mañá na sede provincial nun acto ao que asistiron o presidente Valentín González Formoso, o vicepresidente Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero

Formoso destacou a recuperación de lendas, historia e mitos do territorio da Costa da Morte a través da iniciativa

O Festival Vákner celebrarase o vindeiro 28 de maio a partir das 11:00 horas no Marco do Couto, en Dumbría

No encontro participarán artistas como Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano ou Carlos Goñi, último confirmado

A Deputación colabora na I edición do Festival Vákner de Dumbría

Formoso presentou o evento xunto a José Manuel Pequeño, Xosé Regueira e Bieito Romero, de Luar na Lubre

A Deputación da Coruña apoia o Concello de Dumbría na celebración da I edición do Festival Vákner, un encontro musical e cultural que xirará en torno a esta besta lendaria. O evento, que terá lugar o vindeiro 28 de maio na localidade, foi presentado esta mañá na sede da institución provincial.

No acto participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría e deputado provincial José Manuel Pequeño Castro e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre. Tamén asistiron representantes dos concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra-Muxía, do colectivo Costa da Morte Asociación Turística e Solpor, entre outras. Así mesmo, acudiu o grupo Luar na Lubre, que deleitou ao público cunha canción sobre o encontro de Mártiros coa figura mitolóxica do Vákner.

A sede provincial foi o escenario seleccionado para a presentación do proxecto debido ao importante apoio que a Deputación lle brinda ao evento a través da Rede Cultural. O presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que esta Rede é "unha ferramenta que desde hai máis de trinta anos, desde esta casa, permite que a cultura chegue a todos os recunchos da provincia, harmonizando e homologando un mínimo de presenza cultural nos 93 municipios". González Formoso tamén incidiu en que "se este festival encaixaba en algún sitio da provincia, era na Costa da Morte" e destacou a recuperación de lendas, historia e mitos a través da iniciativa.

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, explicou que o Festival Vákner é "un acontecemento histórico e fundamental para a Costa da Morte, é arte, cultura, lendas, historia, economía e turismo". Na súa intervención argumentou que a "Rede Cultural da Deputación está impulsando os Concellos a facer actos deste tipo, dándonos a vida para facer actividades culturais durante todo o ano, facendo un labor de promoción turística tamén".

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira tamén manifestou que o encontro "vai reforzar o itinerario de fin do Camiño, diversificando os recursos. E iso é o que ofrece Dumbría, a diversificación a través da cultura".

Pola súa banda, Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, agradeceu a aposta da Deputación e o Concello polo festival e afirmou que "o recurso do Vákner vai ser unha marca e reclamo turístico moi importante para a zona e tamén para Galicia", facendo unha comparativa co monstro do Lago Ness. O encontro contou coa actuación da agrupación e tamén cun vídeo de presentación do Festival.

Luar na Lubre será cabeza de cartel desta primeira edición

O Festival Vákner celebrarase o vindeiro 28 de maio a partir das 11:00 horas no Marco do Couto, en Dumbría. No encontro participarán verdadeiros monstros da música como Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, o último confirmado, Carlos Goñi, líder de Revólver.

O concerto será gratuíto, aínda que para acceder ao Campo de Fútbol de Dumbría haberá que coller entradas na páxina web www.ataquilla.com ou nas dependencias do Concello.

O proxecto xorde da iniciativa de Dumbría nunha aposta por potenciar a figura lendaria do Vákner, monstro que se atopou un bispo armenio na peregrinación a Fisterra hai máis de 500 anos. Esta singular proposta busca recuperar o patrimonio inmaterial do Camiño a Fisterra e Muxía desde Santiago de Compostela.

Nesta primeira edición, a parte musical terá un amplo acompañamento cultural, coa entrega dos premios do certame literario Vákner e, tamén, coa inauguración da escultura de Cándido Pazos dedicada á besta. Trátase dunha peza de 5 metros de altura.

Páxinas suxeridas