Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña estrea a campaña audiovisual ‘Eu sei da UE’ na que a Unión Europea é explicada por nenos e nenas

• A iniciativa busca promover de maneira amena o coñecemento da UE entre a poboación máis nova
• Os oito vídeos da campaña iranse publicando nas redes sociais de EUROPE DIRECT A Coruña durante o mes de maio

EUROPE DIRECT A Coruña estrea a campaña audiovisual ‘Eu sei da UE’ na que a Unión Europea é explicada por nenos e nenas

EUROPE DIRECT A Coruña estrea na semana de Europa a campaña audiovisual 'Eu sei da UE' de difusión da Unión Europea dende o punto de vista do alumnado de dous centros escolares da provincia. Esta iniciativa busca promover o coñecemento das institucións, dalgúns programas e dos símbolos da Unión Europea entre a poboación máis nova ao tempo que mergulla tamén á poboación adulta na UE de maneira informal e amena.
A campaña, que se difunde a través das redes sociais de EUROPE DIRECT A Coruña, arrincou o 9 de maio e estenderase ata finais deste mes. Consta de oito vídeos sobre a bandeira e o himno da UE, as súas institucións, o lema, o mapa europeo e iniciativas como o Erasmus e o Pacto Verde Europeo. Tamén poderemos ver os nenos e nenas facer peticións, ao seu xeito, á Unión Europea e incluso describir as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña. Os vídeos están subtitulados tanto en galego como en inglés.
Nela participan dous CEIP do Concello de Oroso, o Camiño Inglés e o Sigüeiro que levan anos traballando no marco de programas europeos e que buscan así potenciar a súa internacionalización e participación en máis actividades internacionais. De feito, a campaña conta tamén con dous vídeos nos que profesorado dos dous centros fai unha introdución do seu traballo.
Nos últimos meses, alumnado de entre seis e oito anos dos CEIP Plurilingüe Camiño Inglés e Sigüeiro veñen traballando en formacións específicas sobre a Unión Europea, afondando nas estruturas e características da Unión pero tamén nos seus efectos sobre a cidadanía. O resultado é esta divertida campaña que busca achegar á cidadanía da provincia coñecementos fundamentais sobre a UE.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE, axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral da sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónicoeuropedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Hai tamén máis información dispoñible na web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/iniciativa-eu-sei-da-ue-comunicar-europa-en-el-ambito-educativo/