Estás en:Novas

O equilibrio entre litoral e interior e a diversificación de produto turístico, obxectivos dos proxectos que Turismo da Deputación desenvolve na Costa da Morte

O vicepresidente da institución provincial e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, participou hoxe na xornada "Mazaricos, pasado e futuro entre costa e interior", organizadas polo Concello xalleiro

Regueira explicou os programas e as liñas de subvencións da Deputación que afectan territorialmente ao Concello de Mazaricos, caso das axudas entes de xestión, "fundamentais para a mellora da calidade e da competitividade turística", que este ano van supor unha contía global de 252.849,58 euros

O equilibrio entre litoral e interior e a diversificación de produto turístico, obxectivos dos proxectos que Turismo da Deputación desenvolve na Costa da Morte

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, asistiu hoxe en Mazaricos a unha xornada centrada nas posibilidades turísticas e nos novos recursos dese sector postos en marcha durante 2021 e 2022 no territorio do Concello xalleiro. Regueira foi un dos relatores da mesa redonda "Mazaricos, pasado e futuro entre a costa e o interior", na que tamén participaron Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e Juan Blanco, alcalde de Mazaricos.

Regueira expuxo os proxectos e programas que Turismo da Deputación vén desenvolvendo na Costa da Morte, especialmente os que lle afectan territorialmente ao Concello de Mazaricos. O vicepresidente enumerou os programas de apoio ao turismo nesa demarcación, comezando polas liñas de subvencións aos entes de xestión, "fundamentais para a mellora da calidade e da competitividade turística, e que este ano van supor unha contía global de 252.849,58 euros".

Tamén se referiu aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que optarán á convocatoria extraordinaria desta anualidade, aos que a Deputación presentará dous proxectos que atinxen á Costa da Morte: os Fogóns do Anllóns e outro en fase inicial que aínda non ten nome. Na convocatoria anterior, a institución provincial resultou beneficiaria doutros dous, un para o territorio xeolóxico de Cabo Ortegal e outro para o EUME, ámbolos dous dotados con 1,5 millóns de euros.

No ámbito que afecta máis singularmente á Costa da Morte, o vicepresidente salientou "o importante esforzo que se está a facer nese territorio en colaboración cos concellos, buscando diversificar produto turístico, mais procurando así mesmo equilibrar interior e costa". "Vimos traballando dende hai anos", engadiu, "en reactivar o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, para o que a Deputación ten unha partida orzamentaria de 500.000 euros". Regueira explicou que neste momento se están a auditar os monumentos megalíticos coa intención de que pasen a formar parte dos patrimonios municipais o antes posible, ademais doutras accións de dinamización que se veñen desenvolvendo dende hai un par de anos.

Dous proxectos máis da Deputación verá a luz en breve. O primeiro afecta aos concellos de Carnota, Dumbría e Mazaricos, e con el, en palabras de Regueira, "preténdese estruturar un produto de turismo científico, patrimonial e cultural en torno ao Monte Pindo, buscando unha mellor experiencia turística por parte das persoas que visiten o espazo, mais tamén procurando unha maior seguridade e unha maior protección da contorna". O outro é a Senda do Xallas, de interese para os concellos de Zas, Santa Comba e Mazaricos, e no que a Deputación comezará a traballar no último trimestre deste mesmo ano, estabelecendo as bases de colaboración coas tres administracións locais.

O vicepresidente auguroulle un futuro turístico prometedor ao Concello de Mazaricos, "nun escenario onde a sustentabilidade, a autenticidade, a natureza e a calidade, son altamente valorados polo mercado turístico, e no que Mazaricos ten múltiples potencialidades e está a demostrar boas ideas para aproveitalas".

Antes da mesa redonda "Mazaricos, pasado e futuro entre a costa e o interior", Regueira e os outros participantes na xornada visitaron o proxecto da Senda do Xallas e o Campamento Turístico O Fieiro.