A Deputación destaca en Muxía o impacto do Parador da Costa da Morte como “motor económico e turístico da comarca”
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, visitaron hoxe o Parador, que acaba de ampliar o seu período de apertura
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, realizaron hoxe unha visita institucional ao Parador da Costa da Morte, que acaba de ampliar o seu período de apertura a 10 meses ao ano.
Formoso e Abalde mantiveron unha reunión co director do establecemento, Julio Castro, na que se interesaron polos datos ocupación, que crecen ano tras ano. Tanto Formoso como Abalde incidiron no impacto do Parador como un dos principais motores turísticos e económicos da comarca.
"O Parador da Costa da Morte é un motor económico e unha referencia turística que todos temos que axudar a impulsar e había unha demanda histórica de toda a comarca, que era que o Parador ampliara os seus meses de actividade. Hai uns meses, mantivemos unha reunión coa presidenta de Paradores para lle trasladarmos esta cuestión, que se comprometeu a facer. Hoxe, xunto ao subdelegado do Goberno, quería agradecer ese compromiso", explicou Formoso, que destacou que "o Goberno de España cumpre coa Costa da Morte, cumpre coa provincia da Coruña".
O presidente provincial destacou tamén a importante repercusión desta cuestión no eido laboral, xa que permitirá que o persoal traballe todo o ano. "É unha excelente noticia para a comarca: máis meses abertos significa máis emprego, máis actividade e máis retorno económico para o territorio", destacou.
Melloras por medio millón de euros
Pola súa banda, Abalde destacou o investimento superior ao medio millón de euros anunciado por Paradores, que permitirá mellorar os interiores, renovar as zonas comúns e instalar placas fotovoltaicas, ás que se destina o 70% da partida. "Falamos dun investimento que consolida un modelo turístico sustentable, eficiente e respectuoso co territorio", apuntou.
Ademais, Abalde valorou a incorporación do Parador Costa da Morte á rede de Puntos Violeta, unha iniciativa destinada a ofrecer acompañamento e axuda ás mulleres vítimas de violencia de xénero. "Este paso reafirma o compromiso da Administración coa igualdade e coa creación de contornos seguros. É unha mensaxe clara: aquí as mulleres contan con apoio e protección", afirmou.
