Estás en:Novas

A Deputación renova o seu compromiso coa candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta tarde na clausura do Congreso 'Ferrol Destino Patrimonio Mundial', que reuniu no Teatro Jofre durante todo o día a profesionais expertos na candidatura

Xosé Regueira anunciou que o ente provincial está traballando na tramitación dun convenio co concello de Ferrol, por un importe de 100.000 euros, para as actuacións necesarias para a defensa da candidatura

A Deputación renova o seu compromiso coa candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta tarde na clausura do Congreso 'Ferrol Destino Patrimonio Mundial', que reuniu durante toda a xornada de hoxe no Teatro Jofre a profesionais expertos na candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Durante a súa intervención, Xosé Regueira asegurou que a Deputación da Coruña renova o seu compromiso con Ferrol para acadar o obxectivo de formar parte da listaxe de Patrimonio Mundial. Neste sentido, anunciou que desde o seu departamento se está traballando actualmente na tramitación dun convenio, por un importe de 100.000 euros, destinado ás actuacións necesarias para a defensa da candidatura.

O vicepresidente e deputado de Turismo, asegurou que Ferrol "é unha cidade que supón unha clave turística de primeiro nivel do turismo da provincia pero tamén de toda Galiza". Neste contexto, indicou que "atesoura innumerables valores tanto da arquitectura civil como militar e industrial para que a súa candidatura a Patrimonio Mundial sexa tida en conta pola Unesco e pase a formar parte de elementos patrimoniais xa declarados Patrimonio da Humanidade no noso país, como son a Torre de Hércules, o casto histórico e a Catedral de Santiago e a Muralla de Lugo". "Elementos", segundo indicou Xosé Regueira que "funcionan como un reclamo de primeiro nivel no circuíto do turismo cultural mundial".

Xosé Regueira participou no peche do congreso compartindo quenda de palabra con María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio e con Eva Martínez Montero, concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol. Cabe lembrar que a candidatura "Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración" forma parte da Lista Indicativa da UNESCO a Patrimonio Mundial desde o 27 de abril de 2007.