Estás en:Novas

A Deputación financia a renovación da ruta literaria ‘Pensa Nao’ en Dodro

A ruta está baseada no libro de Anxo Angueira que percorre o concello de norte a sur, e que permite visitar os seus principais elementos arqueolóxicos e etnográficos como os petróglifos da Devesa e de Bouza Badín, o Castro de Bexo ou o conxunto de hórreos de Eira da Lavandeira de Imo

A Deputación financia a renovación da ruta literaria ‘Pensa Nao’ en Dodro

A área de Turismo da Deputación da Coruña, que xestiona o vicepresidente Xosé Regueira, financia a renovación da sinalización da ruta literaria 'Pensa Nao' que transcorre polo concello de Dodro. Esta ruta, deseñada polo Concello e sinalizada por vez primeira no ano 2009, está baseada no libro de Anxo Angueira "Pensa Nao", obra que resultara gañadora do Premio Xerais no ano 1999.

Os traballos de renovación da sinalización incluirán a colocación de novos postes e paneis informativos nos puntos clave do percorrido que conectan a historia da novela cos espazos xeográficos polos que transcorre. "Esta nova sinalización contribúe á posta en valor dunha ruta que pensamos que debe funcionar como un reclamo turístico de primeira orde, que conecta un territorio concreto e unha serie de elementos patrimoniais e etnográficos con todo un universo literario, dándolle un dimensión máis ampla e un valor cultural engadido" asegura Xosé Regueira.

A ruta 'Pensa Nao' ten unha lonxitude de preto de 14 quilómetros e atravesa o Concello de Dodro de norte a sur, percorrendo os seus principais xacementos arqueolóxicos como os petróglifos de A Devesa e os de Bouza Badín, o Castro de Bexo - que está incluído no Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro-, e remata na Eira da Lavandeira de Imo co seu conxunto único de hórreos declarado conxunto histórico.

En "Pensa Nao" Anxo Angueira recrea a biografía colectiva de Sernanselle, o espacio ficional que recrea o lugar do Souto de Manselle. Sernanselle é a aldea de Dodro Vello desde a que se enxergan as Brañas de Laíño e o río Ulla navegado por dornas e balandros, enchendo e devalando coas marés da Arousa. "Pensa Nao" é a historia dos seus habitantes nos anos da República, onde a modernización e dinamismo do mundo labrego, a traxedia da emigración, os seculares traballos comunais, a paisaxe e o amor se funden nun expresivo mosaico que acabou por ser esmagado co alzamento fascista. Narrada cunha lingua riquísima e viva e nun estilo inusitadamente épico, "Pensa Nao" é a metáfora dunha Galiza aberta e en marcha, que onte e hoxe se adapta e resiste na dura travesía en procura da súa supervivencia cultural e política.

Páxinas suxeridas