Estás en:Novas

A Deputación inviste 530.000 euros para executar obras de humanización e mellora da seguridade viaria en rúas de Cambre

O Plan Único financia con 300.000 euros a reforma integral da praza Fernando Buesa, que será dotada dunha área infantil, un parque de calistenia e gradas

Tamén se financiarán por 194.282 euros tarefas de acondicionamento e mellora da seguridade do tráfico peonil e rodado nas rúas María Mariño e Francisco Rodríguez

Ampliarase ata os 37 metros de lonxitude a parada de bus da rúa Tapia

A Deputación inviste 530.000 euros para executar obras de humanización e mellora da seguridade viaria en rúas de Cambre

O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 530.000 euros un paquete de actuacións no Concello de Cambre para mellorar a seguridade e accesibilidade na praza Fernando Buesa, na contorna do parque infantil da rúa Francisco Rodríguez, na rúa María Mariño e na parada de bus da rúa Tapia. Todas as obras están xa en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado.

Dentro dos investimentos, destaca unha partida de 300.000 euros para levar a cabo a reforma integral da praza Fernando Buesa, no Temple. O ente provincial financia o 91,6% do custo total da iniciativa que permitirá actuar nunha superficie duns 4.720 metros cadrados. O máximo obxectivo desta proposta e que o parque recupere o seu atractivo e sexa empregado por toda a veciñanza como lugar de ocio.

Os traballos dotarán ao espazo de zonas axardinadas e arboredo, unha área infantil, parque de calistenia e gradas. A iniciativa inclúe a relocalización, ampliación e mellora do parque existente, así como o incremento de servizos no lugar. Así pois, a parte superior da praza contará cunhas gradas que se empregarán como punto de encontro, ademais de para albergar espectáculos e funcións. Tamén se habilitará unha pista de calistenia no recinto.

Reordenación e humanización na rúa María Mariño

En consonancia coas tarefas de reordenación, humanización e embelecemento das rúas e espazos públicos que se proxectan en Cambre, o Plan Único tamén financia o acondicionamento da rúa María Mariño. Os traballos contan cun orzamento de 124.480 euros.

As obras permitirán renovar os pavimentos das beirarrúas e da calzada, ofrecendo unha rúa enfocada á comodidade dos usuarios e usuarias e á accesibilidade do tráfico peonil e rodado. Así mesmo, substituirase o tramo de senda existente por unha beirarrúa, co máximo obxectivo de conseguir un itinerario homoxéneo acorde á contorna do Temple.

As obras completaranse coa adaptación do paso de peóns á normativa de accesibilidade; actualización da rede de iluminación e renovación das canalizacións existentes; solución dos problemas de drenaxe dos garaxes; creación dunha nova praza na superficie de aparcamentos en batería ao final da rúa e coa dotación de novo mobiliario e plantas. Por último, tamén se mellorará a seguridade viaria na intersección coa rúa Francisco Añón.

Máis seguridade na contorna do parque da rúa Francisco Rodríguez

O Plan Único da Deputación, financiará tamén cunha achega de 69.802 euros o proxecto para reordenar a contorna do parque infantil da rúa Francisco Rodríguez. Os traballos consistirán na reordenación dos aparcamentos da contorna do parque infantil, que se deseñarán en oblicuo marcha atrás para mellorar a seguridade viaria nas manobras de saída dos vehículos estacionados.

Do mesmo xeito, renovaranse os pavimentos e priorizarase o peón sobre o vehículo mediante a execución dunha calzada ao mesmo nivel nos tramos de rúa perimetrais ao parque infantil existente, no que convivan ambos. Estas tarefas realizaranse a cabo atendendo tamén á mellora estética da zona.

Ampliación da parada de bus da rúa Tapia ata os 37 metros

Por último, dentro deste paquete de actuacións financiadas polo Plan Único, o ente provincial dá apoio ao Concello de Cambre para executar a renovación da parada de bus da marxe dereita da rúa Tapia. A medida conta cun orzamento de 35.718 euros.

Os traballos conseguirán unha parada de bus de maior lonxitude, para ofrecer a posibilidade de que dous autobuses poidan estacionar en liña. A lonxitude da nova estrutura, situada entre os números 19 e 23 de rúa sinalada, será de aproximadamente 37 metros, uns 23 metros máis longa ca actual.

Ademais desta solución, tamén se renovarán os pavimentos, ampliarase a beirarrúa, dando continuidade ás adxacentes, e dotarase de novas plantacións ao tramo no que se vai actuar.

Páxinas suxeridas