Estás en:Novas

Ames, Negreira e Brión acollen esta semana o primeiro campionato de España júnior masculino de voleibol

Do 25 ao 29 de maio, 21 equipos protagonizarán a primeira edición do campionato de España de voleibol na categoría júnior masculina, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e dos tres concellos

Ames, Negreira e Brión acollen esta semana o primeiro campionato de España júnior masculino de voleibol

Do 25 ao 29 de maio, 21 equipos protagonizarán a primeira edición do campionato de España de voleibol na categoría júnior masculina, unha modalidade que debuta este ano para amortecer o salto entre categorías base e sénior. Deste xeito, as instalacións deportivas dos concellos de Ames, Negreira e Brión servirán como sede dun campionato organizado pola Real Federación Española de Voleibol (RFEVB) e o CD Padre Faustino, coa colaboración dos tres Concellos e da Deputación da Coruña. Dos 65 partidos que se disputarán ao longo das cinco xornadas, Ames acollerá 21, nas dúas pistas que se habilitarán no pavillón municipal de Bertamiráns.
Os mellores conxuntos masculinos a nivel nacional compiten esta semana para proclamarse como os primeiros campións de España júnior de voleibol, unha nova categoría que a RFEVB puxo en marcha este ano para reforzar o deporte base nas idades máis próximas ao salto á modalidade sénior. Deste xeito, a franxa de idade entre os 18 e os 20 anos conta xa coa súa propia competición, que disputarán 21 equipos procedentes de toda a xeografía española.
O torneo arrinca xa esta mesma semana, cos concellos de Ames, Negreira e Brión como anfitrións duns 65 partidos que se repartirán entre seis pistas, dúas por localidade, habilitadas no pavillón de Pedra Mámoa (Negreira) e nos polideportivos municipais de Bertamiráns e Brión. Neste senso, Ames acollerá 21 partidos, Brión outros 12, e Negreira será a sede dos 32 restantes, entre eles a final e o encontro polo terceiro e cuarto posto, que se disputarán o domingo 29 a partir das 10:00 horas. Pola súa banda, Bertamiráns será a anfitrioa das semifinais, que terán lugar o sábado 28.
Esta mañá tivo lugar no auditorio do Centro Sociocultural de Negreira a presentación do campionato, que comeza xa este mércores e se desenvolverá ao longo de toda a semana. Asistiron ao acto o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a deputada da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán; o alcalde de Brión, Pablo Lago; María del Mar García, tenente alcalde de Negreira; o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, e Joseba Pajuelos, presidente do CD Padre Faustino, club organizador do evento.
"Para nós este evento é moi importante porque nos permite dar a coñecer a varios centos de persoas, que se van a achegar aos tres concellos, o fermoso, a cantidade de sitios que temos para visitar, e a gastronomía desta comarca", sinalou o alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, que insistiu na importancia da colaboración entre Concellos para hospedar eventos ou mellorar servizos. "Estes días falouse moito da fusión de concellos, algo do que persoalmente non estou a favor. O que si defendo é que fusionemos servizos, e este é un claro exemplo. Eu creo que é moi importante que os concellos nos unamos para poder organizar actividades tan importantes coma esta, un campionato de España, e que esperamos que a Federación conte connosco en máis ocasións", sinalou García.
Pola súa banda, a deputada da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, falou do impacto deste campionato á hora de dinamizar e amosar estes tres municipios. "Negreira, Ames e Brión van ser un punto de encontro de talento novo, van ser parte das vivencias que van forxar a carreira destes grandes deportistas. Unha oportunidade única non só por iso, senón que tamén para amosar que no interior da Coruña temos moito que ofrecer, unha ocasión para amosar o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da zona, así como para mover a economía local".
No mesmo senso se pronunciou a concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, que recordou o impacto positivo en termos económicos que supoñen eventos coma este. "Estamos falando dun campionato de categoría nacional, aínda que sexa de categoría júnior. Non só é un impacto para o ámbito deportivo, senón que tamén vai ser beneficioso para a hostalaría ou a restauración. A final será en Negreira pero as semifinais van ser aquí en Ames o sábado".
Ademais, indicou que o Concello traballou para que os encontros se repartisen entre as instalacións do Milladoiro e de Bertamiráns, ao que a Federación finalmente non puido acceder. "Por temas de loxística concentráronse todos os partidos en Bertamiráns, aínda que o Concello solicitou á Federación que se repartisen entre os nosos dous núcleos, algo que non foi posible. Hai que apoiar o voleibol, animar á veciñanza a achegarse a ver e a coñecer este deporte", indicou Señorís.
21 equipos e máis de 400 deportistas de elite
O campionato traerá aos concellos de Ames, Brión e Negreira un total de 21 equipos júnior de elite, con máis de 400 deportistas de elite, "xogadores que na súa inmensa maioría xa xoga en categoría sénior, e mesmo algún internacional na selección absoluta", destacou o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna. " Sen dúbida é unha oportunidade para ver o voleibol do futuro, de futuros membros da selección española", engadiu.
Os 21 equipos que participan nesta primeira edición do campionato júnior masculino son Vao Ontinyent (Valencia), Jealsa (A Coruña), Demax Clinic Descubre Fuentes (Sevilla), Arona Tenerife Sur (Santa Cruz de Tenerife), Aldebaran San Sadurniño (A Coruña), Carthago Vóley (Murcia), Club Vóley Palma (Baleares), CV Zaragoza (Zaragoza), Barça Voleibol (Barcelona), CV Melilla (Melilla), CUV Alcorcón (Madrid), Tarragona SPSP (Tarragona), CV Valencia (Valencia), Cisneros Alter VB (Santa Cruz de Tenerife), FS Castellar (Barcelona), La Fuensanta (Málaga), Parla Vóley (Madrid), Servigroup Benidorm (Alacant), VP Madrid (Madrid), CV Sant Martí (Barcelona) e ADEVA Ciudad de Hellín (Albacete).
"Agora toca traballar para que o proxecto saia ben e se poida repetir", concluíu Joseba Pajuelo, presidente do CD Padre Faustino, club organizador do evento. "Imos dar a coñecer tres concellos próximos a Santiago que a miúdo pasan desapercibidos, podía parecer que cando xurdiu a idea ía ser complicado unir a tres municipios pero non foi así, aceptouse como un proxecto bonito e duradeiro".