Estás en:Novas

Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, seleccionadas para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura

Paula Domínguez, Judith Ruso, Xerardo X. Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández, foron as persoas seleccionadas para as Residencias Artísticas Mariñán na modalidade de Pensamento

Un xurado conformado polo videocreador e escritor Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid, pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo, e presidido por Xurxo Couto, elixiu as 8 autoras e autores que desenvolverán as súas estadías en Mariñán nos meses de xullo e decembro

Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, seleccionadas para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura

Andrés Sanjurjo García, Vanesa Martínez Sotelo, María Esther Fernández Carrodeguas, María Soraya Lema Carballo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Xosé Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández, son as 8 autoras e autores seleccionados para participar na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento. Foron seleccionadas por un xurado composto polo videocreador e escritor Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid e pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo. Tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.

Tras a xuntanza do xurado, Xurxo Couto explicou que "o obxectivo fundamental desta iniciativa é ir máis aló dos resultados finalistas, apoiando os procesos de creación e atendendo, deste xeito, a unha demanda histórica dos creadores e creadoras do país". O deputado de Cultura tamén quixo facer fincapé "na diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias que, ao igual que ocorrera nas de música, confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso".

No mes de xullo desenvolverán a súa estadía en Mariñán Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Mentres, en decembro será a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en Literatura, e de Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández na de Pensamento. Cada estadía terá unha duración de 14 días.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán nacen como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da literatura, son cinco as convocatorias: o Premio Torrente Ballester de narrativa, en linguas galega e castelán, o Premio González Garcés de poesía, o Premio Rafael Dieste para textos teatrais, o Premio Manuel Murguía de ensaio, e o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

Propostas seleccionadas

Literatura
Andrés Sanjurjo García, co proxecto Esmola. Traballo ensaístico que versa sobre como se representa, principalmente no cinema, o Outro subalterno – por exemplo, actores e actrices non profesionais de países non hexemónicos-, poñendo por riba da mesa as condicións materiais nas que o autor produce tales representacións.

Vanesa Martínez Sotelo, co proxecto Namib. Proposta ligada ao teatro documento que explora o vínculo bilateral Galicia-África, a través da recuperación da memoria migratoria. Recorre ademais a dúas personaxes xemelgas, evocando así a figura do doppelgänger.

María Esther Fernández Carrodeguas, co proxecto Iribarne. Proxecto de investigación teatral que aborda o espectro da controvertida figura política de Fraga, empregando os elementos da patafísica de Alfred Jarry —especificamente na obra Ubú Rei—, tentando revisar criticamente a súa pegada vital e o seu legado político.

María Soraya Lema Carballo, co proxecto Estrela clara, vento largo e mar en calma. Proxecto de escrita dramática que propón a despatriarcalización da figura do navegante, seguindo a tradición literaria galega das últimas décadas.

Pensamento
Paula Domínguez co proxecto Tratado sobre a improdutividade. Propón unha investigación filosófica sobre as lóxicas de consumo e a mercantilización dos suxeitos nas dinámicas totalizadoras de produtividade, explorando liñas de fuga que minimicen as consecuencias psicolóxicas das formas capitalistas.

Judith Ruso, co proxecto Aesthetica Ruralis: natureza e cultura contemporánea. Proposta orientada a repensar a relación entre natureza e cultura contemporánea, desde o rural, fóra das estruturas de pensamento hexemónicas que coinciden tradicionalmente co ethos e a estética urbanos.

Xosé Xerardo Pereiro Pérez, co proxecto Galeguidade, S.A. Proxecto que, desde o eido da investigación antropolóxica, expón como incorporamos a mirada folclórica á hora de definir a nosa identidade galega, á vez que profunda na construción da mesma nas distintas epistemes.

Abraham Pérez Fernández, co proxecto Chernóbil Revival. Proposta ontopoética, quinta parte de Ciclo do óxido, que problematiza a creación literaria como instrumento de reflexión sobre o real. Entronca coa filosofía da diferenza e a teoría crítica. Interesa asemade a relación que se intenta establecer entre poesía e filosofía.

Páxinas suxeridas