Estás en:Novas

Un vídeo do IES de Cacheiras gaña o Premio Escolar Francisco Tettamancy 2022, convocado pola Deputación da Coruña

O xurado valorou "a orixinalidade da proposta, a innovación no uso da linguaxe artística contemporánea, a integración dos distintos medios artísticos e a calidade na formalización"

Dotado con 2.000 euros para a compra de material escolar, o certame ten como obxectivo popularizar e divulgar entre a mocidade, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o legado do escritor, historiador e activista galeguista

Un vídeo do IES de Cacheiras gaña o Premio Escolar Francisco Tettamancy 2022, convocado pola Deputación da Coruña

"A batalla das palabras", un vídeo do alumnado de secundaria do IES de Cacheiras, é o gañador do Premio Escolar Francisco Tettamancy 2022, convocado pola Deputación da Coruña. A obra é unha intervención artística en torno a figura de Francisco Tettamancy e a Batalla de Cacheiras.

Presidido por María Muíño, deputada de Normalización Lingüística, o xurado estivo formado por Agar Ledo Arias, José María Mesías Lema e Ángeles Díaz Seoane. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da institución provincial.

O xurado, que concedeu o galardón por unanimidade, valorou "a orixinalidade da proposta, a innovación no uso da linguaxe artística contemporánea, a integración dos distintos medios artísticos e a calidade na formalización". Tamén destacou moi positivamente "a implicación dos diferentes departamentos do centro educativo, así como o esforzo, durante a fase de difusión, por integrar a toda a comunidade educativa do IES". Dotado con 2.000 euros para a compra de material escolar, o certame ten como obxectivo popularizar e divulgar entre a mocidade, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o legado do escritor, historiador e activista galeguista. 

Escritor, colaborador en prensa, traballador da Deputación provincial, membro fundador da Real Academia Galega, integrante da Real Academia Belas Artes de San Fernando e participante na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, Tettamancy foi un dos principais personaxes do núcleo galeguista da Coruña e un dos protagonistas dos diferentes movementos do Rexurdimento cultural e político de Galicia desenvoltos entre finais do século XIX e comezos do século XX.

Páxinas suxeridas