Estás en:Novas

Pepe Solla e Manuel Gago protagonizan o episodio de Referentes do mes de xuño

O terceiro programa de ReferentesT2 chegará o venres 24 de xuño ás 12h ao Facebook e Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña cunha conversa entre o cociñeiro e músico Pepe Solla, e o xornalista e escritor, Manuel Gago

Como abordan as súas respectivas carreiras profesionais, os seus inicios e referentes, o traballo en equipo e, mesmo, a evolución da sociedade nas dúas últimas décadas, centran a conversa deste novo episodio

Pepe Solla e Manuel Gago protagonizan o episodio de Referentes do mes de xuño

O cociñeiro e músico, Pepe Solla, e o xornalista e escritor, Manuel Gago, protagonizan o vindeiro episodio de Referentes. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 24 de xuño a partires das 12h.

Como abordan as súas respectivas carreiras profesionais, os inicios e os referentes, o traballo en equipo e, mesmo, a evolución da sociedade nas dúas últimas décadas centran unha conversa que ten como escenario Casa Solla. O cociñeiro Pepe Solla fai un percorrido pola súa traxectoria a cargo do restaurante familiar, explicando as dificultades que atopou cando asumiu a xerencia, ao tempo que analiza a evolución social nos últimos 20 anos a través do comportamento e os hábitos de consumo das persoas que acoden ao seu restaurante. Tamén fala a súa relación coa música, que xunto co surf, cualifica como hobby e válvula de escape. Pola súa banda, o xornalista Manuel Gago explica a súa relación coa comunicación e a investigación, a través dun universo de intereses particulares que abranguen un amplo abano temático que vai desde o patrimonio arqueolóxico ata a gastronomía. Tamén aborda o seu propio proceso creativo como escritor, particularmente referíndose ao seu último libro publicado. Ambos contestan, ademais, á pregunta que os 'referentes' do anterior episodio –Melania Freire e Pepe Barro-, lles deixaron formulada: "como inflúe o lugar no que naceron e se criaron na súa práctica profesional? Cales son os medos e as dúbidas que os moven nos seus procesos creativos?"

Referentes T2 estreouse o pasado mes de abril coa conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, continuou en maio co episodio que protagonizan Melania Freire e Pepe Barro e, tras esta terceira entrega con Pepe Solla e Manuel Gago, continuará despois de verán con tres novas conversas que se emitirán nos meses de setembro, outubro e novembro.

Pepe Solla é cociñeiro, membro fundador do grupo NOVE e músico. O seu restaurante, Casa Solla (de xestión familiar e cuxa xerencia asumiu en 2001) ten de xeito ininterrompido unha Estrela Michelín desde o ano 1980, situándose entre os oito restaurantes máis antigos do Estado e no decano de Galiza na Guía Michelín. Tamén conta con tres Soles Repsol e o propio Pepe Solla recibiu numerosos recoñecementos ao seu traballo como cociñeiro. Compaxina a súa actividade en Casa Solla coa xestión doutros establecementos de restauración e con cursos, clases maxistrais, showcookings en certames sectoriais, e coa presentación de programas gastronómicos en Canal Cocina.

Manuel Gago é investigador, docente universitario, comunicador e escritor. É docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, e mantén en activo 'Capítulo 0', considerado o blog en activo máis vello do blogomillo. É director do portal do Consello da Cultura Galega culturagalega.org e ten participado en diversos proxectos expositivos e en proxectos de escavacións arqueolóxicas. Como escritor ten publicadas cinco obras de narrativa e tres de ensaio. A súa última novela titúlase 'Nus' e foi editada por Xerais en 2021

Páxinas suxeridas