Estás en:Novas

A Deputación destina 104.000 euros a través do Plan Único para a ampliación da rede de abastecememento de Corques, Rianxo

As obras tamén contemplan unha mellora da seguridade viaria na parroquia cunha nova pavimentación da zona afectada

O Plan Único da Deputación da Coruña leva financiadas máis de 360 obras de ciclo de auga nos concellos da provincia

A Deputación destina 104.000 euros a través do Plan Único para a ampliación da rede de abastecememento de Corques, Rianxo

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, as obras de dotación e ampliación da rede de abastecemento de auga no lugar de Corques, na parroquia de Taragoña, no Concello de Rianxo. As obras, que contan cun orzamento base de licitación de 103.962,06€, servirán para paliar a inexistencia deste servizo básico na zona e para mellorar a seguridade viaria.

Na actualidade o lugar de Corques, pertencente á parroquia de Taragoña, carece de rede pública de abastecemento de auga, mentres que no entorno do lugar existe unha condución xeral que dá subministración á rede pública de abastecemento para outros lugares, onde se prevé unha conexión para dar servizo á nova rede proxectada.

As obras a levar a cabo consistirán na apertura de gabias, para instalar as tubaxes dun novo servizo de abastecemento á zona. Posteriormente, executarase a pavimentación da plataforma afectada, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único da Deputación da Coruña financiou máis de 360 obras de ciclo de auga (abastecemento e saneamento) nos concellos da provincia, cun investimento global de preto de 46 millóns de euros.

Páxinas suxeridas