Estás en:Novas

O programa de música clásica ‘O son das letras’, de Patrimonio da Deputación da Coruña, remata este sábado no Teatro Colón

A soprano Clara Jelihovschi e a pianista Marianna Prjevalskaya interpretarán pezas propias, de clásicos como Verdi e Puccini e de compositores galegos como Cameyro e Marcial del Adalid

As entradas, de balde, xa se poden retirar na web do Colón

O programa de música clásica ‘O son das letras’, de Patrimonio da Deputación da Coruña, remata este sábado no Teatro Colón

O programa de música clásica 'O son das letras', unha iniciativa da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, remata este sábado no Teatro Colón (20 horas). Será a terceira e última cita dun concerto itinerante do que xa gozou o público que tivo a ocasión de asistir á igrexa de Bastavales, o 17 de maio, e ao Castelo de Vimianzo, o 4 de xuño.

A primeira parte do programa que interpretarán a soprano moldava Clara Jelihovschi e a pianista rusa Marianna Prjevalskaya —as dúas, establecidas na Coruña desde hai anos— estará dedicada á ópera e inclúe, ademais dunha composición instrumental orixinal de Prjevalskaya, arias como "Mercè dilette amiche", de Giuseppe Verdi, ou "Tu che di gel sei cinta", de Puccini. A segunda parte do recital estará reservada a pezas de compositores galegos, como "Rosa de abril", de Andrés Gaos; "Campanas de Bastavales", de Cameyro, ou "Soedades", de Marcial del Adalid.

Serán un total de 14 pezas dun concerto e dun ciclo co que a Deputación volveu apostar "por vincular a nosa riqueza patrimonial con disciplinas artísticas, neste caso a música clásica, para achegalo á cidadanía desde outros prismas", en palabras do responsable provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas. "Con 'O Son das letras' quixemos contribuír a descentralizar a oferta musical, combinando infraestruturas culturais habituais, como é o caso do Teatro Colón, con outros lugares menos comúns como son a igrexa de Bastavales de Brión ou o Castelo de Vimianzo".

As entradas para o recital xa se poden retirar, de balde, na web do Colón.

Páxinas suxeridas