Estás en:Novas

O pleno da Deputación dá luz verde a un investimento de 1 millón de euros para as obras de ampliación da estrada DP-3903, en Irixoa

Ampliarase a vía, pasando dos catro metros actuais de ancho a oito metros con carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,5 metros

O pleno da Deputación dá luz verde a un investimento de 1 millón de euros para as obras de ampliación da estrada DP-3903, en Irixoa

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un investimento de 962.248,75 euros para levar a cabo a primeira fase das obras de ampliación da estrada provincial DP-390, que conecta os concellos limítrofes de Vilarmaior e Irixoa.

Debido ás características da estrada desde o PQ 0+000 ao PQ 6+4910 que é estreita e que conta cun ancho medio de catro metros, nalgunhas zonas faise difícil o cruzamento de vehículos. Por iso, decidiuse acometer un proxecto de mellora da seguridade viaria neste tramo, chegando á conclusión de que se debe executar en diferentes fases.

Nesta primeira fase actuarase no tramo comprendido entre o PQ 4+640 e o PQ 6+490, que corresponde á saída do núcleo de Vilamateo, onde a estrada provincial  dispón dunha calzada ampliada e beirarrúas ao longo do citado núcleo.

Os traballos que se han levar a cabo consistirán na ampliación da calzada, pasando dos catro metros actuais de ancho a oito metros con carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros. Ademais, mellorarase a intersección existente cunha vía municipal no PQ 6+100 onde se aproveitará tamén para facer unha mellora puntual do trazado.