Estás en:Novas

Formoso felicita ao Hockey Club Liceo polo seu oitavo título de Liga

O presidente provincial e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, recibiron ao equipo verde no pazo provincial

"Na Deputación levamos moitos anos ao carón do Liceo, ao igual que do resto do deporte na provincia, e continuaremos dándovos ese apoio nos próximos anos", subliñou Formoso

Formoso felicita ao Hockey Club Liceo polo seu oitavo título de Liga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe no pazo provincial a unha representación dos xogadores, corpo técnico e directiva do Hockey Club Liceo, tras a recente consecución do seu oitavo título da OK Liga.

No acto, no que tamén estivo presente a deputada de Deportes, Cristina Capelán, Formoso deulle ao Liceo os "parabéns por traer esta Copa á Coruña nove anos despois" e puxo en valor a relevancia do club deportivo, "máis laureado de Galicia, toda unha referencia do deporte galego". "Este título engrandece aínda máis o medio século de historia dun club cunha traxectoria que nos enche de orgullo", afirmou.

"Na Deputación levamos moitos anos ao carón do Liceo, ao igual que do resto do deporte na provincia, porque a nosa aposta polo deporte como transmisor de valores e pola promoción dos nosos equipos e deportistas é clara", subliñou Formoso, que tamén reafirmou que "continuaremos dándovos ese apoio e máis se podemos nos próximos anos".