Estás en:Novas

Formoso destaca o potencial de Galicia para “ser líder en enerxías renovables” e chama a “facer pedagoxía política”

O presidente provincial participou hoxe na inauguración do curso 'Enerxía Limpa. Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables', organizado pola RAGC en colaboración coa Deputación

"Ese liderado traducirase en creación de emprego, de valor engadido no territorio, na retención de talento e na sustentabilidade dos servizos públicos", explicou

Formoso salientou o potencial "do hidróxeno verde como enerxía do futuro e do presente" e afirmou que "a nosa aposta é clara, este país necesita enerxía galega e o que menos necesita é burocracia innecesaria"

Formoso destaca o potencial de Galicia para “ser líder en enerxías renovables” e chama a “facer pedagoxía política”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela na xornada inaugural do curso 'Enerxía Limpa. Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables', organizado pola Real Academia Galega de Ciencia en colaboración coa Deputación da Coruña.

Durante a súa intervención, Formoso valorou o potencial que ten Galicia "dentro deses tres vectores de futuro que, de aquí a 2050, a Unión Europea establece: a economía circular, a transición ecolóxica e a dixitalización. "Probablemente non sexamos líderes en economía circular, nin en dixitalización e si poderemos selo en enerxías renovables. A rosa dos ventos é así de caprichosa e nos pode permitir liderar se así queremos asumir este papel", afirmou.

"Non é cuestión de ser os primeiros dunha competición, senón de que ese liderado se traduza en creación de emprego, de valor engadido no territorio, na retención de talento tecnolóxico que se está a espallar por medio mundo, e na sustentabilidade dos servizos públicos que máis nos preocupan aos galegos e as galegas: a sanidade e a educación, que teñen un custe altísimo e que require de ingresos para que o sistema sexa sostible", remarcou.

Para Formoso este novo modelo de enerxías limpas "xa non é de futuro, é de presente" porque "o escenario socioeconómico mundial nos pon como deber inmediato a articulación de medidas e a asunción de políticas que permitan o despregue, en tempo récord, deste novo modelo enerxético". " A Unión Europea convídanos a que sexamos colíderes a nivel europeo, e temos que velo como unha oportunidade das poucas que se lle poden presentar a un país que está no córner de Europa e que adoece carencias de infraestruturas en certos eidos. Hai que facer moitísima pedagoxía no ámbito político", subliñou.

O presidente provincial salientou o potencial da que "pode ser a gran fonte de enerxía do futuro, ou xa do presente, que é o hidróxeno verde" e que "probablemente nos permita deixar de preocuparnos da factura enerxética das nosas empresas e das nosas familias, e que tamén nos permita ter un modelo económico sustentable, sen preocuparnos do custe do CO2 na bolsa diaria do mesmo". "Polo tanto, sería do xénero bobo que un país que ten os elementos imprescindibles para producir hidróxeno verde, a auga e o vento, non os empregue", reflexionou.

"A nosa postura institucional é clara, e dicímolo sen ningún tipo de medo, sabendo que probablemente esteamos predicando no deserto hoxe pero pode que as xeracións futuras nos lembren como un grupo de políticos que dixemos á xente, non o que querían oír, senón o que realmente o país necesitaba", asegurou.

Segundo Formoso "este país necesita enerxía galega, autosuficiencia enerxética, darlle oportunidades aos nosos mozos e mozas" e "o que menos necesita é burocracia innecesaria, apostas do pasado e visión política arraigada no século dezanove ou vinte. Estamos no século vinte e un, hai que ter visión de futuro".

Pola súa parte, o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, explicou que "fontes de enerxía que eran unha quimera hai unha década hoxe son imprescindibles" e coincidiu en que "Galicia pode ser unha potencia en enerxías verdes como a eólica e a biomasa". "Grazas á Deputación polo apoio para que se leven a cabo estas xornadas, a enerxía é hoxe un tema que preocupa a sociedade".

Catro xornadas coas renovables como protagonistas

O curso Enerxía Limpa desenvolverase desde hoxe, luns 27 de xuño, ata o xoves 30 de xuño, en diferentes cidades, co obxectivo de levar este tema tan relevante a toda a provincia: mañá martes repetirán no Pazo de San Roque de Santiago, o mércores 28 será no salón de actos do Campus de Ferrol e o xoves 30 de xuño no salón de actos da Autoridade Portuaria da Coruña.

En cada unha destas sedes desenvolveranse diferentes temáticas: 'Estratexias enerxéticas', 'Enerxía solar fotovoltaica. Enerxía da biomasa. Almacenamento enerxético', 'Enerxía eólica. Enerxía do mar' e, por último 'Hidróxeno verde e biometano'.

Pódese consultar o programa completo en https://www.ragc.gal/gl/ciclo-sobre-os-retos-tecnoloxicos-na-producion-e-almacenamento-de-enerxias-renovables/